Andaina guiada para coñecer a pegada xacobea
No Camiño de Santiago na Guarda
Infogauda / A Guarda
O sábado día 15 de febreiro terá lugar na Guarda a segunda das actividades do proxecto “O Camiño Aguárdate”, coa que o concello guardés participa no programa O Teu Xacobeo da Xunta de Galicia, cuxa finalidade é divulgar os valores do camiño entre a poboación local e buscar un maior achegamento entre estes e os peregrinos.
Desta volta trátase dunha andaina guiada entre A Pasaxe, punto de entrada dos peregrinos en Galicia no Camiño Portugués da Costa, e a Praza da Guía, no barrio de Ribadavila. A andaina sairá ás 10:00h e está previsto que remate sobre as 13:00h, contando con prazas limitadas.
As persoas interesadas en participar poden formalizar a súa inscrición no formulario en liña: https://forms.gle/8pCWKcpcqHX6eNJPA
Desta volta Xavier Crespo González, profesor de historia do IES A Sangriña da Guarda e ex-concelleiro de Patrimonio do municipio, fará de guía amosando a pegada xacobea agochada na arquitectura e paisaxe ó longo do Camiño ó seu paso pola Guarda.
Esta andaina, continúa co ciclo de xornadas iniciadas o pasado 25 e 26 de xaneiro, nas que os participantes percorreron o tramo do Camiño de Santiago dende A Pasaxe ata a ladeira do Monte Santa Trega, coñecendo durante a ruta os valores ambientais desta zona e a problemática das especies invasoras ó longo do camiño e os métodos para a súa erradicación. Posteriormente os participantes plantaron árbores autóctonas.
Desta volta a actividade amosará o camiño dende diferentes perspectivas baixo o nome Falemos do Camiño, convidando á poboación local a participar en charlas, coloquios e seminarios que axuden a coñecer os valores, históricos, turísticos e espirituais.
Ningún comentario:
Publicar un comentario