5 de feb. de 2020

A GUARDA

Camiño Portugués da Costa: a ruta xacobea revelación 

· En 2019 incrementouse nun 61% o número de peregrinos que finalizaron este itinerario

Grupo de camiñantes transitando polo Camiño Portugués pola Costa a seu paso por Saá (Camposancos)
Foto: C.A.G.

Infogauda / A Guarda

 A Oficina de Acollida ao Peregrino, que depende da Catedral de Santiago, elabora e publica os informes anuais dos peregrinos que se achegan as súas instalacións para acadar a "Compostella", a acreditación que certifica a peregrinación ata Santiago de Compostela. Asemade, tamén facilita uns datos completos e obxectivos que amosan a afluencia de cada unha das rutas xacobeas. Dese xeito temos constancia da importancia e relevancia que está a obter o Camiño Portugués da Costa, que no ano 2018 contou cun total de 13.841 peregrinos e no pasado ano 2019 acadou os 22.291 peregrinos, o que significa un incremento dun 61%.  

 A nivel local o albergue municipal da Guarda, sito na rúa Puerto Rico, incrementou o número de pernoctas nun 38%, pasando de 3.608 peregrinos no ano 2018 a preto de 5.000 peregrinos no ano 2019, destacando o 90% de ocupación nos meses de agosto e setembro. 

 Un 22% dos peregrinos que pasaron pola Guarda quedaron aloxados no albergue municipal, outros escollen os establecementos hoteleiros do municipio e tamén hai peregrinos que continúan a súa etapa para rematar no veciño Concello de Oia.   

 No despacho de billetes do transbordador na Guarda recóllense os datos dos peregrinos que se achegan pola oficina para selar a súa credencial, incrementándose nun 29% o número de peregrinos, 1.492 no 2018 e 1.930 ata o mes de outubro de 2019.

 Dende o Concello da Guarda téñense realizado varias reformas e obras de mantemento para que os peregrinos teñan un espazo confortable e coas maiores facilidades posibles, contando na actualidade cunha capacidade total de 36 prazas repartidas en dúas grandes habitacións, ademáis dos baños, cociña, lavadora, etc. Segundo afirman desde o executivo municipal que preside o alcalde Antonio Lomba Baz, "está pendente de acometer nos vindeiros meses unha reforma integral nos baños, que permitirá adaptar esta infraestrutura con novos aseos e zonas de ducha mixtas".  
 
 A vista dos datos facilitados pola Oficina de Acollida ao Peregrino, queda de manifesto o auxe e relevancia que ten hoxe en día o Camiño Portugués da Costa coma ruta de peregrinaxe a Santiago de Compostela, sendo o itinerario xacobeo revelación. Unha verdadeira oportunidade a nivel turístico, comercial e hoteleiro para todo o tecido económico da vila de A Guarda e a súa comarca. E por conseguinte, todo un aliciente para os emprendedores que desexen levar a bo termo seus proxectos e contribuir á dinamización do sector servicios.

Ningún comentario:

Publicar un comentario