25 de feb. de 2020

A GUARDA

O Día de Rosalía foi commemorado na vila con un recital poético musical 

• Celebrouse na Casa do Alonso, que ata o día 8 de marzo acolle unha exposición de fotografías de Xurxo Lobato, que sintetiza á vida e á obra literaria de Rosalía de Castro

• A iniciativa Caldo de Gloria continúa en 8 establecementos de hostalaría 
 
Vista parcial do público que asistiu ao acto con motivo do Día de Rosalía, no momento en que Mª Elena Baz Rodríguez recita o poema "Negra Sombra", e súa filla executa unha coreografía inspirada nesa composición poética
Fotos: C.A.G.


Infogauda / A Guarda

 Como en anos anteriores o Concello de A Guarda demostrou ter moi viva a figura de Rosalía de Castro, desenvolvendo diferentes actividades abertas á participación cidadá, para recordar a súa figura arredor d0 24 de febreiro, data de conmemoración do 183 aniversario do nacemento da escritora, poeta e xornalista.
  
A concelleira de Cultura, Mª Montserrat Magallanes Álvarez, na súa intervención
  

 Dese xeito, a Casa dos Alonso acolleu ao mediodía do luns día 24 de febreiro un recital poético músical para conmemorar o Día de Rosalía. Nese acto participaron Teresa Espejo, técnica de Cultura do Concello de A Guarda, Mª Montserrat Magallanes, concelleira de Cultura, Chuny Vázquez e Mª José Baz interpretando ¡Calade!; Carmen dos Santos, da Asociación Fibromiño, interpretando "Dicen que no hablan las plantas", Julia Sobrino, Do Lusco ó Fusco, interpretando Castellanos de Castilla; Coiro Vello, Paliqueiras, Mulleres Progresistas, Avelaíña, Xamaraina, recitando Mª Elena Baz o poema Negra Sombra e representándoo súa filla cunha coreografía. E finalmente Maruxo, que fixo dúas escolmas da biografía de Rosalía de Castro. Unha de cando tiña uns 17 anos, e foi con súa amiga Bernarda en tren, desde Santiago de Compostela ata o porto da Coruña, onde ao igoal que do porto do Vigo, saían barcos cargados de galegos que deixaban á Terra para marchar alén mar buscando un futuro mellor; e outra cando Rosalía estivo unha tempada en Madrid, na casa dunha tía súa, e a poetisa sentiu unha intensa morriña por Galicia. Por iso Maruxo recitou os poemas "Adios, ríos; adios, fontes", e do libro Cantares Gallegos, elixiu o poema "Airiños, airiños, aires".

Maruxo, recitando poemas de Rosalía de Castro


  "Rosalía  estaba  en  nós,  os  alonxados.  Sin  querer  falar  do  doble  fío  da  saudade,  soio  diremos  que  a  saudade  é  a dinámica  da  emigración."    
Eliseo  Alonso

Exposición fotográfica  

 “Airiños aires, Rosalía”, é unha mostra fotográfica a xeito dunha viaxe no tempo, a través dos espazos vitais polos que transitou Rosalía de Castro e na que o fotógrafo Xurxo Lobato documenta a peregrinaxe da escritora por distintos puntos da xeografía rosaliana tanto en Galicia como fóra dela.  

 A través de medio cento de imaxes de gran formato e en b/n, que ocuparán ata o 8 de marzo a planta baixa da Casa dos Alonso, a exposición traza a xeografía física, pero tamén emocional dunha autora que protagonizou unha complexa andaina durante os seus corenta oito anos de existencia, ao mudar constantemente de residencia e de localidade. 

  “Airiños aires, Rosalía”, permítenos emprender un periplo singular a partires das primeiras constancias da vida da escritora, como a pía onde recibiu o bautismo, localizada no Hostal dos Reis Católicos, en Santiago de Compostela, para avanzar cara os seus referentes clásicos, o terreo rosaliano por excelencia: Compostela, Lestrobe, Padrón, Muxía, A Coruña,…, as Terras de Iria que en tantos poemas cantou. 

 A Casa da Matanza, lugar senlleiro na vida de Rosalía e epicentro actual da cultura rosaliana, ocupa tamén un importante espazo nunha mostra que rexistra tamén reflexos máis fugaces da súa vida froito das súas estadías en Madrid e Simancas, seguindo os pasos profesionais do seu marido, Manuel Murguía. 

 Na última parte da exposición, “Airiños aires, Rosalía” distánciase dos emprazamentos físicos para atender as recreación artísticas desta icona da cultura galega. Desde figuracións clásicas en forma de retratos e esculturas, ata outras creacións máis apegadas á modernidade, que dan conta da profunda pegada que a autora deixou na nosa cultura e da continua reinterpretación que provoca a súa figura para adaptarse as novas tendencias do deseño.

 No día de inaugiración da exposición fotográfica, Xurxo Lobato, fixo unha visita guiada aos asistentes da inauguración, explicando cada imaxe e indicando: “(...) É a miña humilde homenaxe a Rosalía de Castro, a quen considero escritora de referencia tanto na literatura galega como na española. 

 Foi unha muller que non quixo restrinxirse ó ámbito doméstico. Escapou do rol tradicionalmente atribuído á muller e asumiu protagonismo como escritora nun tempo no que iso era navegar contra o vento e a marea. 

 Relendo agora a Rosalía ollei unha intelectual, una feminista, unha galeguista, unha muller con gran conciencia social e política. Unha muller que sente o seu País, e que o sente con dor: a emigración, a inxustiza, a incomprensión de Castela... E unha muller que tamén ama a natureza”. 

 O fotógrafo tamén manifestou que “nestes tempos cómpre reivindicar a Rosalía como poeta e escritora, como pioneira na defensa das mulleres e como símbolo de galeguidade”. E engadiu que estas fotos queren ser unha mirada nostálxica, evocadora da vida de Rosalía e da súa obra”. 

 Xurxo Lobato é un fotógrafo galego nado no ano 1956 na Coruña e que ten publicado fotografías en numerosos medios e axencias de comunicación a nivel nacional e internacional, recibindo varios premios polo seu traballo de periodismo gráfico ou fotoperiodismo. 

 A exposición estará nos baixos da Casa dos Alonso ata o 8 de marzo, podendo visitarse de luns a venres, en horario de 8:00 a 15:00h e as fins de semana en horario de 11:00 a 14:00 e de 16:00 a 19:00h. 

Caldo de Gloria 

 Un total de oito establecementos de hostalaría da Guarda sumáronse este ano á iniciativa Caldo de Gloria, enmárcada no chamamento xeneralizado que dende a Casa de Rosalía fan a todos os establecementos de Galicia, convidando ós mesmos a ofertar Caldo de Gloria nas súas cartas, menús ou como pincho de acompañamento, os días 22, 23 e 24 (sábado, domingo e luns, día de Rosalía) rememorando a receita que Rosalía recorda no poema “Miña casiña, meu lar”. 

 Este ano participaron na iniciativa: Arruaz, Celtic, Alborada, Cangrexal, Casa de la Abuela, La Casilla, Camping Santa Tecla e Enxebre. 

Rosalía nas redes 

 Por último desde o Concello revalídase a experiencia dixital Rosalía nas Redes, durante esta última semana de febreiro compartindo contido nas redes sociais sobre a vida e obra da autora. 

 Todos aquelas persoas que queiran sumarse á iniciativa poden crear e subir contido, e etiquetando no facebook e twitter de @culturaguarda coa etiqueta #Rosalíate ou #Rosalíanasredes.

Ningún comentario:

Publicar un comentario