20 de xan. de 2020

VIGO

Arranca en Vigo a histórica humanización da Ronda de Don Bosco  

Carmela Silva e Abel Caballero poñen a primeira pedra dunha actuación "que a cidade necesitaba e coa que toda a zona quedará irreconocible"

Coa colocación da tradicional cápsula do tempo, a presidenta da Deputación de Pontevedra, e o alcalde de Vigo, puxeron hoxe a primeira pedra das obras de humanización da rúa Ronda de Don Bosco
Foto: D.PO.

Infogauda / Vigo

 Coa colocación da tradicional cápsula do tempo, a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e o alcalde de Vigo, Abel Caballero, puxeron hoxe a primeira pedra das esperadas obras de humanización da rúa Ronda de Don Bosco, unha importante actuación que supón un investimento de millón e medio de euros e para a que a institución provincial achega 900.000 euros.    

 Durante a visita, Carmela Silva, subliñou que "estamos ante unha rúa de especial relevancia para a cidade que estaba pedindo a berros ser mellorada" e apuntou que "como presidenta da Deputación de Pontevedra estou encantada de que sigamos a investir na cidade de Vigo porque os e as viguesas merecen que todas as administracións o fagan e teñan a consideración que merece a cidade más grande de Galicia". Neste senso, Abel Caballero tamén agradeceu o apoio da institución provincial, que "está apoiando a Vigo máis que nunca".  

 Co proxecto de humanización da rúa Don Bosco, que está previsto que estea rematado en 10 meses, vaise crear unha nova praza pública agradable, cómoda e moderna con posibilidade de albergar diferentes actividades de ocio. A actuación implica, ademais, unha renovación do saneamento, do abastecemento, do alumeado, das telecomunicacións, da rede eléctrica e do rego e o aumento das zonas axardinadas.  

 Amais, tal e como informaron Carmela Silva e Abel Caballero, unha das grandes novidades que traerá este proxecto será a estrea do límite de 10 km/h, que converterá á Ronda de Don Bosco nunha rúa semipeonil, dando total prioridade ás e aos peóns e garantindo a súa seguridade. Sobre a propia actuación, a presidenta da institución provincial sinalou que "este espazo quedará irrecoñecible grazas a un proxecto que vai responder ás necesidades dunha sociedade avanzada, pois na Deputación e no Concello de Vigo cremos na sustentabilidade, na mobilidade, na accesibilidade e na recuperación do espazo público para as persoas, queremos que as e os peóns sexan as e os protagonistas".  

 Pola súa banda, o alcalde Abel Caballero  tamén explicou que "a rúa Ronda de Don Bosco é unha rúa con moita historia que atrae e alberga a moitos veciños e veciñas e que, sen embargo, leva 100 anos abandonada sen que ninguén fixera nada ante o seu deterioro". Tamén quixo recalcar que "con estas obras non se retirará ningunha árbore e respectarase o patrimonio histórico que ten este espazo, coma sempre fai o concello de Vigo".

Ningún comentario:

Publicar un comentario