10 de xan. de 2020

SALCEDA DE CASELAS

O conselleiro de Sanidade visita as obras do novo centro de saúde de Salceda de Caselas  

O novo edificio sanitario, cun investimento de 1,7 milóns de euros, conta cunha superficie construída de 1.321 m2,, triplicando case a superficie do actual centro de saúde

Disporá de 5 consultas de medicina xeral, 5 de enfermería e 2 consultas de pediatría          

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, visitou hoxe o novo centro de saúde que se está a acometer en Salceda de Caselas
Foto: X.G.
  
Infogauda / Salceda de Caselas

 O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, visitou hoxe o novo centro de saúde que se está a acometer en Salceda de Caselas para comprobar o estado das obras. No transcurso da súa visita, o conselleiro expresou a súa satisfacción coa evolución desta obra, que está moi avanzada e rematará no prazo previsto, no segundo trimestre deste ano. “Con esta infraestrutura dotarase aos veciños e veciñas de Salceda dun centro sanitario moderno e ben dimensionado para prestar unha atención de calidade e adaptada ás necesidades da poboación”.  

 O conselleiro, que estivo acompañado pola alcaldesa da localidade, Dolores Castiñeira, e o xerente da área sanitaria de Vigo, Julio García Comesaña, recordou que a Administración sanitaria galega está a investir 1.679.168 euros no novo edificio sanitario, que triplica a superficie do actual centro de saúde. Así, a nova infraestrutura sanitaria contará cunha superficie construída de 1.321 m2, o que supón un incremento de 863 metros cadrados (un 188% máis), respecto ao espazo do actual centro de saúde, que conta cunha superficie de 458 m2. A empresa adxudicataria do concurso público foi Construciones Iglesias Mera S.L.  

 A superficie quedará distribuída nunha entrada con vestíbulo e zona de recepción e na área de asistencia sanitaria contémplase 5 consultas de medicina xeral, 5 de enfermería, 1 consulta polivalente, 1 sala de técnicas, 1 sala de extraccións, 2 consultas de pediatría, 2 de enfermería pediátrica e 1 consulta para matrona. Disporá tamén de biblioteca/sala de xuntas, aseos e vestiarios, ademais doutros espazos con servizos comúns.  

 Na actualidade, o concello pontevedrés de Salceda de Caselas dispón de 7.822 tarxetas sanitarias adscritas, das que 1.302 son de pacientes en idade pediátrica. 

Novos centro de saúde na área sanitaria de Vigo  

 O Servizo Galego de Saúde está a realizar un importante esforzo inversor en novas infraestruturas sanitarias na área sanitaria de Vigo.  

 No referido ás novas infraestruturas, cabe lembrar que a Xunta de Galicia vén de poñer en funcionamento os novos centros de saúde de Gondomar, cun orzamento de máis de 2 millóns de euros, e o de Pazos de Borbén, cun investimentoo de 150.000 euros.  

 Ademais, están en fase de proxecto as actuacións de reforma e ampliación do centro de saúde de Porriño, e do novo Centro de Saúde de Bouzas en Vigo. Tamén vén de anunciarse o novo Centro de Saúde Integral Olimpia Valencia, no concello vigués.  

 Por último, o conselleiro lembrou tamén o importante investimento que vén de realizarse -900.000 euros- na compra de equipamento electromédico e de diagnóstico –57 electrocardiógrafos, 50 desfibriladores, 3 ecógrafos, 60 unidades de holter de presión arterial, 50 espirómetros e 6 retinógrafos- así como mobiliario clínico e xeral para as consultas dos centros de saúde vigueses. “Cúmprese así con outra das medidas a curto prazo contempladas no Plan Galego de Atención Primaria, e que responde á necesidade de dar unha correcta cobertura sanitaria á poboación no ámbito deste primeiro nivel asistencial, mediante a priorización das obras e a renovación do material das consultas dos centros de saúde do Sergas así como a dotación do equipamento necesario”, asegurou o conselleiro de Sanidade.  

Ningún comentario:

Publicar un comentario