ENCONTROS MONOGRÁFICOS CO PATRIMONIO CULTURAL
Paisaxes tatuadas: a arte esquemática pintada no noroeste peninsular á luz dos novos achados
Encontros Monográficos co Patrimonio Cultural 29
Martes, 18 de febreiro de 2020 ás 16:15 horas, no Consello da Cultura Galega
CCG / Santiago de Compostela
Dende hai mais dunha década, está aberta unha importante liña de investigación sobre o encontro de grandes tradicións de arte rupestre prehistórica no noroeste peninsular, que nestes dous últimos anos vén a ser reforzada polo achado de sitios con Pintura Rupestre Esquemática ou Arte Esquemática Pintada nas áreas surorientais de Galicia e que confirma o seu enorme potencial.
Esta xornada ten como obxectivo mostrar un panorama integrado destes achados, tendo en conta o conxunto das manifestacións de arte rupestre da totalidade do noroeste peninsular, onde se coñecen ata a actualidade máis de 50 sitios. A denominación de Pintura Rupestre Esquemática ou Arte Esquemática Pintada integra un conxunto de manifestacións gráficas relacionadas coas sociedades prehistóricas.
En xeral, os motivos caracterízanse pola simplificación formal e polo uso de trazos lineais simples, dunha soa cor e en tinta plana, aplicada directamente coa xema do dedo (dixitación) ou con pinceis. A cor máis empregada é o vermello, resultado de pigmentos de uso mineral e aglutinados con auga ou algunha materia graxa, aínda que poden aparecer outras cores. Represéntase a figura humana reducida aos seus trazos máis elementais, acompañada de motivos xeométricos, xeralmente obtidos a partir de liñas con ángulos rectos, manchas de puntos e aliñacións de barras verticais e ocasionais representacións de figuras solares e de cuadrúpedes. As imaxes parecen funcionar máis como ideogramas, sendo menos frecuente a representación de escenas. Os núcleos máis importantes desta tradición distribúense na área suroriental peninsular, aínda que tamén se coñecían importantes conxuntos en Trás-os-Montes (Portugal), Salamanca, Zamora, León e Asturias.
A súa busca polo sur oriental de Galicia comezou hai máis dunha década, seguindo a idea da continuidade xeográfica con estes conxuntos nos límites fronteirizos, como o val do Támega, na raia sur, ou o núcleo do Bierzo, polo Sil. Finalmente, dous descubrimentos casuais no ano 2017 confirmaron o potencial, apareceu primeiro pintura na Cova dos Mouros da Fontaneira (Baleira, Lugo) e posteriormente no Penedo Gordo (Vilardevós, Ourense). Recentemente, descubriuse un importante conxunto de pinturas en Casaio (Valdeorras, Ourense) e novamente na comarca de Monterrei, no conxunto arqueolóxico do Castelo das Laxes das Chás/Lobarzán, neste caso sobre granito. Moitos deses sitios sitúanse no ámbito xeográfico dos vales de ríos importantes, que serviron como corredores de circulación, polo que nos axudan a coñecer fenómenos como a mobilidade das poboacións e tamén sobre a circulación de ideas.
A presenza de novas sobre a aparición de arte esquemática nos xornais e a través das redes sociais promoveu un grande interese social por estas manifestacións pouco coñecidas ata agora neste ámbito xeográfico. Esta xornada pretende achegar o fenómeno da pintura rupestre pospaleolítica e o encontro entre distintas tradicións rupestres á sociedade, así como contextualizar estes achados nunha visión integrada transfronteiriza.
O Encontro, coordinado por Lara Amaral Bacelar Alves e Beatriz Comendador, contará coa participación de Beatriz Comendador (Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio, Universidade de Vigo), Carlos Tejerizo (Incipit-CSIC), Francisco Alonso (Estela Arqueoloxía e Patrimonio/USC), Manuel Santos (Universidade do Minho), Andrea Martins (investigadora Pós-Doc, FCT, Uniarq-Centro de Arqueologia, Facultade de Letras da Universidade de Lisboa) e Lara Amaral Bacelar Alves (investigadora Pós-Doc, Centro de Estudos em Arqueologia, Artes e Ciências do Património, Universidade de Coimbra).
Programa
16:15 horas
Inauguración
16:30 horas
Miradas transfronteirizas: a pintura rupestre da comarca de Monterrei (Ourense) no seu contexto territorial
Beatriz Comendador Rey, Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio, Universidade de Vigo
17:00 horas
Miradas desde o máis aló: a pintura rupestre de Casaio (Carballeda de Valdeorras, Ourense). Unha análise preliminar
Carlos Tejerizo (Incipit-CSIC), Francisco Alonso (Estela Arqueoloxía e Patrimonio/USC) e Manuel Santos (Universidade do Minho)
17:30 horas
Pausa
18:00 horas
Do imóvel ao móvel: símbolos, artefactos e arte esquemática na Península Ibérica
Andrea Martins, investigadora Pós-Doc, FCT, Uniarq-Centro de Arqueologia, Facultade de Letras da Universidade de Lisboa
18:30 horas
As tradições de arte pré-histórica do Noroeste Peninsular: uma visão de conjunto
Lara Amaral Bacelar Alves, investigadora Pós-Doc, Centro de Estudos em Arqueologia, Artes e Ciências do Património, Universidade de Coimbra
19:00 horas
Debate
20:00 horas
Peche da xornada
Organiza
Sección de Patrimonio e Bens Culturais (CCG)
Consello da Cultura Galega
Colabora
Universidade de Vigo
Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio Universidade de Coimbra
Centro de Estudos em Arqueologia, Artes e Ciências do Património
Coordina
Lara Amaral Bacelar Alves
Beatriz Comendador
Lugar
Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2º andar
Praza do Obradoiro, s/n
15705 Santiago de Compostela
Tel.: 981 957 202 / Fax: 981 957 205
Inscrición
A inscrición é gratuíta.
O número de prazas é limitado (100 persoas).
As prazas cubriranse por rigorosa orde de inscrición. Entregarase diploma acreditativo de asistencia ao encontro.
Para obter o diploma é preciso asistir ao 75% das sesións.
Máis información
www.consellodacultura.gal
difusion@consellodacultura.gal
Consulta os materiais en http://consellodacultura.gal
Nesta ligazón pode facer a súa SOLICITUDE DE INSCRICIÓN.
Ningún comentario:
Publicar un comentario