23 de xan. de 2020

O ROSAL

O Concello do Rosal aprobará este venres  os orzamentos do cambio  

Tríplicase o investimento en promoción cultural para achegar a cultura aos barrios, duplícase o gasto en investimentos e increméntase nun 30% a partida para o servizo de Axuda no Fogar 

O pleno celebrarase este venres 24 de xaneiro ás 20:30 horas 

Ánxela Fernández Callís, alcaldesa do Concello do Rosal
Foto: C.O.R.

Infogauda / O Rosal

 Uns orzamentos ambiciosos que supoñen un punto de inflexión na xestión municipal e abre un tempo novo no proxecto de presente e de futuro do concello buscando a súa mellora e transformación progresiva”. Así serán, segundo referiu a este xornal dixital transfronteirizo, á alcaldesa, as contas do Concello do Rosal para este ano 2020, as primeiras do Goberno Municipal liderado por Ánxela Fernández e que se aprobarán en pleno este venres 24 de xaneiro (20:30 h). Uns orzamentos que superan os 3,3 millóns de euros con importantes incrementos en partidas estratéxicas, deseñados en colaboración co tecido asociativo e artellados acorde ás necesidades do municipio. 

 Destaca o importante esforzo do Goberno local para impulsar nestes orzamentos a promoción cultural, buscando a deslocalización das actividades e achegando así a cultura a toda a veciñanza. Deste xeito triplícase o investimento na axenda cultural por barrios para dar resposta á realidade social do Rosal, que conta cunha veciñanza con dispersión e envellecemento. “Queremos facilitar o acceso á cultura, achegándoa pouco a pouco aos barrios e poñéndoos en valor”, salienta a alcaldesa, Ánxela Fernández. 

 Duplícase ademais o gasto en investimentos chegando case aos 140.000 euros. Unha cifra que incrementará ao longo do ano xa que nela non están incluídos investimentos que se realizarán con fondos externos procedentes do Plan Concellos ou do Premio Galicia Parabéns. Importante suba tamén para o servizo de Axuda no Fogar, que crece un 30% e chega ata os 206.000 euros para atender as máis de 12.000 horas anuais que se realizan ao abeiro deste programa. 

 Outra das partidas que contarán cun maior incremento será a de persoal para “camiñar por primeira vez cara a redución da desigualdade corrixindo os desequilibrios salariais máis importantes existentes”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario