21 de xan. de 2020

MADRID

PRESENTADA NA DELEGACIÓN DA XUNTA DE GALICIA EN MADRID "O DONO DO  DERRADEIRO MINUTO”, PRIMEIRA OBRA EN GALLEGO DE LUÍS GARCÍA MONTERO  

A obra do poeta e director do Instituto Cervantes é unha antoloxía con poemas de diferentes etapas da súa vida  

Co libro en primeiro termo, de dereita a esquerda, Isabel Patiño, Pablo Bonet, Ramón Jiménez, García Montero e Sabela García
Fotos: Casa de Galicia

Infogauda / Madrid

 "O DONO  DO  DERRADEIRO MINUTO. Cincuenta poemas en  galego" é o título da primeira antoloxía en galego do poeta, crítico literario, profesor da Universidade de Granada e director do Instituto Cervantes, Luís García Montero e que foi presentada onte na Delegación da Xunta de Galicia en Madrid/Casa de Galicia. A obra, publicada por Tulipa editora, recolle unha coidada selección de poemas de moitos dos seus libros -escritos en tres décadas-, e que agora ven a luz traducidos ao galego por Isaac Xubín. 

 No acto interviñeron. ademais do autor Luís García Montero; o secretario dos libreiros de Madrid, poeta e escritor, Pablo Bonet; a directora de Tulipa Editora, Isabel Patiño Amboage; e Sabela García que recitou en galego algúns poemas do escritor. 


Medio centenar de persoas, de todos os ámetos, acudiron á presentación do primeiro libro en galego de García Montero


 A presentación do acto correu a cargo do coordinador de Actividades da Casa de Galicia Ramón Jiménez e nela lembrou que non era a primeira vez que García Montero visitaba a Casa “pois xa en maio de 2008 participou nesta mesma sala nun recital xunto aos poetas Lucía Aldao e Nuno  Júdice dentro dun ciclo de Estacións Poéticas coordinado polo escritor e crítico literario Vicente Araguas”. Naquela ocasión o recital correspondía á primavera e fíxoo baixo o título Da primavera heroica”.  Jiménez referiuse tamén brevemente aos Seis poemas en  galego, de Lorca, “outro poeta granadino”, publicados en decembro de 1935 pola Editorial  Nós. Oito décadas pasaron xa entre aqueles de Lorca e estes de García Montero. 

 Para Isabel Patiño, activista cultural, apaixonada da fotografía, coleccionista emerxente e directora de Tulipa Editora-, “esta antoloxía ofrece cincuenta sensacións da vida de Luís en momentos distintos dun poeta comprometido coa necesidade de liberdade, de valores, falando de emoción, familia, política, amigos, poetas que admira...”. Considera ademais da obra que “é unha honra para a editorial, un agasallo para a poesía galega actual e unha xoia para a nosa lingua”. 

 Para Pablo Bonet, esta antoloxía de Montero permite “comprender a súa dimensión e sentir a súa proximidade expresada poéticamente como un cidadán máis, preocupado polo tempo que lle tocou vivir, compartindo a súa visión crítica e a súa esperanza, achegando a poesía á realidade, transcendendo a súa experiencia persoal cara a social, cara ao compromiso cos demais”. O que ademais agora sexa en galego faina máis especial por “o seu aspecto  melódico e o súa  musicalidade que fará as delicias dos seus lectores e lectoras nesta lingua”. 

 Pola súa banda o autor, Luís García Montero asegurou que “a tradución da propia poesía a outros idiomas sempre provoca unha especial emoción porque estende o horizonte do mundo persoal e porque se enriquece da propia mirada pola complicidade do tradutor”. No caso desta versión ao galego “esta emoción multiplícase para un lector de Rosalía de Castro e para alguén que lembra o episodio de amizade dos poemas galegos de Federico García Lorca”.  Destacou tamén a especial ilusión que sempre lle fai lembrar a amizade xuvenil con Ramiro Conté cando empezaban a escribir. “Son un convencido da riqueza que supón a diversidade cultural e lingüística de España e por iso estou moi agradecido ao meu tradutor Isaac  Xubín que mirou o libro como a un día de festa, ao coordinador do proxecto Antón Sobral e a Isabel Patiño directora da editorial Tulipa editora”, sinalou.  

 A nova estudante e artista multidisciplinar Sabela García Patiño foi a encargada de “darlle voz de novo aos fermosos poemas de Luís García Montero, sentíndome dobremente emocionada, por recitar os seus poemas e ademais nesta ocasión facelo na miña lingua”, dixo.

Moitas persoas agardaron pacientes á cola para que García Montero asinara seu exemplar



 Tamén García Montero recitou os mesmos poemas pero en castelán polo que todas as persoas que asistiron á presentación tiveron a oportunidade de saborear os versos en ambos idiomas, coa entoación e musicalidade que caracterizan cada un.  

 Luís García Montero naceu o 4 de decembro de 1958 en Granada. Estudou nos Escolapios e na Universidade de Granada onde se licenciou en Filosofía e Letras e doutorouse cunha tese sobre Rafael Alberti, co que lle uniu unha gran amizade. 

 Comezou a traballar como profesor asociado na Universidade de Granada en 1981. Vinculouse ao grupo poético da outra sentimentalidad, pero a súa traxectoria persoal foise ampliando no que se foi coñecendo máis tarde como Poesía da experiencia. Tamén cultivou o ensaio e é columnista de opinión.  

 Entre os seus premios están o  Adonáis (1983);  Loewe (1994); o Premio Nacional de Literatura (1994); Premio Nacional da Crítica (2004); Premio do Gremio de Libreiros (2009); Premio Poetas do Mundo Latino, pola súa traxectoria. (2010).  

 A súa poesía caracterízase por unha linguaxe coloquial e pola reflexión a partir de acontecementos ou situacións cotiás. 

 Desde 2018 é  director do Instituto Cervantes.

Ningún comentario:

Publicar un comentario