15 de xan. de 2020

EUROCIDADE TOMIÑO / VILA NOVA DE CERVEIRA

A Eurocidade Cerveira-Tomiño emprende en 2020 a edición de guías sobre os sectores turístico e agrario e actividades culturais e de lecer 

Despois do verán ambos os concellos acollerán as II Xornadas da Amizade Transfronteiriza

A alcaldesa de Tomiño e seu homólogo de Vila Nova de Cerveira
Foto: C.T.


Infogauda / Tomiño 

 O Comité de Xestión Estratéxica da Eurocidade, no que se reúnen de forma periódica os responsables dos Concellos de Tomiño e Vila Nova de Cerveira,  vén de aprobar o Plan de Actividades 2020.  

 Dentro do apartado de dinamización do desenvolvemento económico, destaca a edición de senllas guías sobre dous dos sectores de maior potencial: o turístico e o agrario (nomeadamente no ámbito da flor e a planta ornamental), coa intención de dar a coñecer a realidade transfronteiriza destes dous motores da economía local. Estas guías, resultado de diversos traballos de colaboración con expertos, empresas e entidades relacionadas, serán presentadas no primeiro trimestre do ano.  

 Asemade, cinco anos despois da primeira edición, prévese para despois do verán, a organización das II Xornadas da Amizade, que servirán para analizar os resultados do proxecto POCTEP que, cofinanciado polo programa Interreg V-A da Unión Europea, ten contribuído á dinamización da participación cidadá e ao estreitamento de lazos entre as poboacións, institucións e empresas dos concellos veciños. Tomiño e Vila Nova de Cerveira continuarán en 2020 proxectando a súa experiencia de cooperación transfronteiriza.  

 Por outra banda, para comezos do ano, agárdanse os resultados do informe que o experto universitario designado pola Comisión Europea elaborou sobre alternativas aos atrancos á mobilidade infanto-xuvenil nos espazos de fronteira denunciados polas Valedoras da Cidadanía.  

 A programación contempla tamén o intercambio de experiencias no ámbito europeo sobre servizos compartidos. Neste ámbito, a Eurocidade acometerá as probas de funcionamento da plataforma tecnolóxica para xestión destes servizos públicos e proseguirá coa programación conxunta de actividades culturais, como o Festival infantil Aventura na Terra da Amizade ou o Certame de Pintura Antonio Fernández.  

 Finalmente, o plan de actividades recolle a realización dos proxectos gañadores da última votación do Orzamento Participativo Transfronteirizo: unha serie de andainas para dar a coñecer o patrimonio natural e cultural e unha Xornada centrada en actividades deportivas e de lecer para fomentar hábitos de vida saudables.  

Ningún comentario:

Publicar un comentario