Un concerto a cargo da Coral Polifónica inaugura o programa cultural, deportivo e lúdico de Nadal
Festival folclórico, música de banda, contacontos, obradoiros infantís e carreira popular, son algunhas das outras propostas para este tempo de festas
Infogauda / Tomiño
A Coral Polifónica de Tomiño será a encargada de abrir a programación de actividades organizada polo Concello para este Nadal. Será ás 18:00 horas no Auditorio de Goián, con entrada de balde para todo público.
O sábado 21 ás 20:00 horas será o Grupo de Gaitas e Baile Virxe do Alivio, quen ofrecerá o seu xa tradicional Festival de Nadal. Tamén no auditorio e con entrada de balde para todos os públicos.
A II Carreira de Nadal, terá lugar o domingo 22. Organizada polo Club Sociedade Atlética do Trega de Tomiño en colaboración co Concello. O mesmo día, pola tarde (18:00 horas), celebrarase o derradeiro concerto do ano da Agrupación Musical de Goián. Un concerto moi especial, xa que participa boa parte do alumnado da Escola de Musica; Banda Infantil e a propia agrupación. Entrada de balde.
Os días 26 e 28, o Mercado Municipal acollerá dúas actividades infantís. O venres 26 de cinco á sete da tarde, haberá diferentes obradoiros e actividades lúdicas a cargo de Migallas Teatro. Actividades de balde para nenos e nenas a partir de 3 anos.
O domingo 28 ás 17:00h “Contos do animalario” da compañía Daboapipa, achegará un espectáculo para toda a familia con música en directo. Unha viaxe polos montes, prados e camiños verdes, chea de encontros con animais marabillosos e estraños.
Malasombra Producións pechará decembro (domingo 29) cun espectáculo para público familiar, no que dous operarios da limpeza descobren as posibilidades das súas ferramentas de traballo para producir pompas de xabón. No auditorio, ás cinco da tarde, con entradas a prezos populares (persoas adultas 3 euros e nenos/as menores de 14 anos, 2 euros), que se poden mercar en taquilla dende unha hora antes do comezo da función.
Ningún comentario:
Publicar un comentario