Campaña contra a violencia de xénero organizada polo COFPO
OS FARMACÉUTICOS DE PONTEVEDRA FÓRMANSE PARA RECOÑECER E ACTUAR FRONTE Á VIOLENCIA DE XÉNERO
· O Colexio de Farmacéuticos de Pontevedra elaborou o Protocolo de actuación en farmacias fronte á violencia de xénero, que ten por obxecto dotar ao farmacéutico dunha ferramenta útil que lle sirva de guía para detectar casos de violencia de xénero e para actuar ante consultas na farmacia
· Nas xornadas de formación a farmacéuticos abórdanse aspectos legais, procedementos de actuación no ámbito da Atención Primaria e o protocolo de actuación elaborado polo Colexio
· Campaña “A túa farmacia, espazo seguro” nas farmacias de Pontevedra para informar á poboación sobre a axuda que desde a farmacia pode prestar o profesional farmacéutico en apoio ás mulleres e nenos que sofren violencia de xénero
De esquerda a dereita, Susana García-Baquero Borrell, Rosana Izquierdo Fernández, Carmen Gallastegui Otero e Rosana Montoto Fernández
Foto: COFPO
Foto: COFPO
Infogauda / Pontevedra
O Colexio de Farmacéuticos de Pontevedra está a levar a cabo diversas iniciativas para formar aos profesionais farmacéuticos na detección precoz de casos de violencia de xénero.
“Todos os profesionais sanitarios debemos estar coordinados e preparados para abordar e dar resposta a este tipo de situacións”, sinalou a presidenta do Colexio, Alba Soutelo Soliño. “Cada día acoden miles de persoas ás 428 farmacias da provincia de Pontevedra, o que fai que os farmacéuticos sexamos os profesionais sanitarios máis accesibles á poboación, máis aínda en municipios pequenos e zonas rurais. Por iso, debemos estar formados para recoñecer e actuar ante este tipo de violencia”, incidiu Soutelo.
No marco do Convenio de colaboración contra a violencia de xénero asinado coa Consellería de Sanidade, o Colexio de Farmacéuticos de Pontevedra puxo en marcha tres accions.
En primeiro lugar, o Colexio desenvolveu un protocolo de actuación en farmacias fronte á violencia de xénero, que ten por obxecto dotar ao farmacéutico comunitario dunha ferramenta que lle sirva de guía para detectar casos de violencia de xénero e para actuar ante consultas na farmacia.
No protocolo elaborado polo Colexio ofrécese ás farmacéutico pautas para detectar, desde o seu ámbito de actuación profesional na farmacia, casos de violencia de xénero psicolóxica, física e/ou sexual, así como para sensibilizar, informar e derivar no caso de que fose necesario. “O protocolo servirá para facilitar e clarificar a actuación do farmacéutico, permitindo a súa integración no actual sistema de atención a vítimas de violencia de xénero desde o seu papel como profesional da saúde", sinalou Diego López Cantorna, farmacéutico comunitario de Pontevedra corredactor do protocolo.
Así mesmo, o Colexio organizou dúas xornadas formativas nas súas sedes de Vigo e Pontevedra os días 9 e 10 de decembro, nas que participan o fiscal xefe da área de Vigo Susana García-Baquero Borrell, que aborda desde unha perspectiva legal a situación actual da violencia de xénero, a médico de familia Rosana Izquierdo Fernández, que explica os protocolos que se seguen actualmente nos centros de saúde, e a farmacéutica comunitaria Adriana Montoto Fernández, que expón o Protocolo de actuación en farmacias fronte á violencia de xénero elaborado polo Colexio de Farmacéuticos de Pontevedra.
“Confiamos en que esta formación aumente o coñecemento sobre a violencia de xénero entre os profesionais farmacéuticos de modo que permita unha intervención máis directa e activa na loita contra ela”, sinalou a vicesecretaria do Colexio de Farmacéuticos de Pontevedra e presentadora das xornadas, Carmen Gallastegui Otero.
A terceira acción do Colexio é poñer en marcha nas farmacias de Pontevedra a campaña “A túa farmacia, espazo seguro” para informar á poboación sobre a axuda que desde a farmacia pode prestar o profesional farmacéutico en apoio ás mulleres e nenos que sofren violencia de xénero.
Ningún comentario:
Publicar un comentario