A DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA SUBVENCIONA E AVALA OS PLANS DE MOBILIDADE DE 37 CONCELLOS DA PROVINCIA PARA FOMENTAR MOBILIDADES ALTERNATIVAS E RECUPERAR ESPAZOS PÚBLICOS
O deputado Uxío Benítez asegura que os PMS, agora na súa fase final, permitirán acceder a fondos europeos e reducir o uso do vehículo
Destaca que “é unha satisfacción” que os gobernos locais aposten por promover estratexias de baixa emisión de carbono nun momento de alta preocupación polo cambio climático
Uxío
Benítez Fernández presidiu a reunión de traballo coas consultoras e
enxeñerías que redactaron ou están a finalizar os traballos encargados
polos concellos da provincia ao abeiro da convocatoria de axudas do
departamento de Mobilidade
Foto: D.PO.
Foto: D.PO.
Infogauda / Pontevedra
A Deputación de Pontevedra vén de subvencionar e avalar os Plans de Mobilidade Sustentable (PMS) de 37 concellos da provincia para fomentar mobilidades alternativas e recuperar espazos públicos. O dato foi confirmado hoxe polo deputado Uxío Benítez Fernández logo dunha reunión de traballo coas consultoras e enxeñerías que redactaron ou están a finalizar os traballos encargados polos concellos da provincia ao abeiro da convocatoria de axudas do departamento de Mobilidade.
Benítez lembrou que a liña de axudas para os PMS aprobouse a finais de 2017 co fin de incentivar e promover que os concellos establecesen unha planificación das súas políticas camiñando cara o fomento de mobilidades alternativas e a recuperación dos espazos públicos. En abril de 2018 adxudicáronse axudas por preto de 600.000 euros a 42 concellos e estes contrataron ás respectivas consultoras. Estas traballaron nun prazo de 18 meses que rematou recentemente, estando agora en fase de presentaron final dos proxectos dos PMS e de entrega de documentación para que a Deputación valide definitivamente os plans.
Finalmente, dos 42 concellos houbo renuncia de cinco, co que finalmente son o 62% dos concellos da provincia os que teñen ou van ter un PMS financiado e avalado pola Deputación. Os máis avanzados son Salceda e Pazos de Borbén, xa coa subvención pagada; Caldas, Covelo, Mondariz Balneario, Moraña, Vila de Cruces, Portas, Meaño, e Catoira están en trámites de xustificación; pendentes de recibir documentación –con informes xa emitidos- Lalín, Moaña, Porriño, Fornelos, Valga, Silleda, O Grove, Ponte Caldelas, Pontecesures, AS Neves, Forcarei, O Rosal, Tui, Arbo, Mondariz, Poio, A Lama, Nigrán, Gondomar, Tomiño e Cuntis; e pendentes de informe ou de recibir documento inicial Soutomaior, Redondela, Sanxenxo, Oia, Ponteareas e Bueu, dado que se lles deu máis tempo por cuestións burocráticas.
Benítez lembrou que a existencia dun PMS para estes concellos vai axudar a acceder a fondos europeos de financiamento para accións de mobilidade sustentable, polo que indicou que son unha ferramenta indispensable non só de planificación senón tamén para conseguir orzamento.
Así mesmo, o nacionalista subliñou que “é unha satisfacción poder dicir que temos tantos concellos xa con ese instrumento que vai favorecer que todas as accións que se fagan na provincia vaian encamiñadas a promover estratexias de baixa emisión de carbono, algo que penso que é de destacar nesta semana na que se está a celebrar o Cumio do Cambio Climático”. Insistiu na importancia da redución do uso do vehículo e do fomento doutro tipo de mobilidades alternativas para baixar os niveis de contaminación, así como da recuperación dos espazos públicos para unha mellora da calidade de vida da veciñanza.
“Esa vai seguir sendo unha liña de traballo de agora en diante da Deputación de Pontevedra. Avanzaremos en diferentes accións e iniciativas”, subliñou, para explicar que a reunión de traballo e coordinación de hoxe coas consultoras pretendía coñecer os problemas ou inconvenientes que tiveron á hora de redactar os PMS e ver como reaccionaron os grupos de goberno e a sociedade na participación pública: “Interesábanos que nos transmitisen o feedback do traballo realizado para aprender e mellorar as accións de futuro. A Deputación non tiña como obxectivo subvencionar por subvencionar. Queremos que isto marque a liña e por primeira vez vemos un certo vento a favor que agardemos se concrete nos concellos”, sentenzou Benítez.
Ferramenta de planificación
Os plans serán unha ferramenta fundamental para que os concellos poidan tomar decisións sobre a rede de estradas e espazos públicos, para optimizar recursos e actuacións propias, e para poder acceder aos fondos europeos de mobilidade sustentable.
O obxectivo destes documentos é modificar a mobilidade urbana nas vilas e concellos da provincia promovendo estratexias de baixa emisión de carbono e melloras da contorna urbana para conseguir espazos que melloren a calidade de vida da cidadanía. De feito, os PMS subvencionados pola Deputación deben recoller de forma clara a priorización de actuacións e a metodoloxía proposta para executar actuacións concretas de forma que faciliten a xestión futura por parte dos responsables municipais.
Cada PMS debe incluír unha toma de datos e análise de normas e plans urbanísticos, física e territorial, socioeconómica e demográfica, de transporte e circulación, enerxética e medio ambiental, de seguranza viaria e de recompilación de participacións cidadás. Ademais, debe identificar problemas e retos, unha definición de liñas estratéxicas, e unha delimitación de propostas e obxectivos específicos, entre os que destacan as medidas de fomento e mellora dos desprazamentos en modos non motorizados (peonalizacións, creación de sendas peonís, carrís bici…), medidas de reordenación e mellora do transporte público, de mellora e xestión de aparcamentos, de desconxestión viaria, de distribución e control de accesos, de futuro desenvolvemento do viario, medioambientais e de protección e de fomento e regulación en centros atractivos de actividade.
Finalmente, os PMS deben concretar un plan de implantación cun cronograma orzamentado para concretar os obxectivos en proxectos de obras concretas, que poderán ser financiadas tanto por fondos municipais, provinciais, autonómicos, estatais como fondos europeos. A partir de aí son os gobernos locais os que os deben poñer en marcha.
Ningún comentario:
Publicar un comentario