Tomiño e Vila Nova de Cerveira, orgullosos do recoñecemento internacional do seu traballo a prol da participación cidadá
A alcaldesa tomiñesa Sandra González salientou a satisfacción de que “unha iniciativa local de dous municipios pequenos chame a atención dunha organización internacional do calado do Observatorio Internacional da Democracia Participativa”
O presidente da Câmara Municipal de Vila Nova de Cerveira, Fernando Nogueira, recalcou o grande éxito das Valedoras da cidadanía transfronteiriza, un instrumento pioneiro “cunha curta vida dunha pero que xa ten realizado un excelente traballo”
Sandra González e Fernando Nogueira, alcaldesa do Concello de Tomiño e presidente da Câmara Municipal de Vila Nova de Cerveira
Foto: C.T.
Infogauda / Eurocidade Cerveira-Tomiño
Moi satisfeitos polo recoñecemento máis alá das nosas fronteiras do bo facer da Eurocidade Cerveira-Tomiño a prol da participación cidadá. Así se amosan os alcaldes de Tomiño e Vila Nova de Cerveira, Sandra González e Fernando Nogueira, tras recibir esta madrugada en México un premio pola creación da figura das Valedoras da cidadanía transfronteiriza, un instrumento que non só favorece a participación cidadá en ambos os dous municipios, senón que tamén traballa para eliminar as fronteiras burocráticas que impiden a cooperación eficaz entre as cidadanías locais.
Recibir a mención especial como ‘Boa práctica en participación cidadá 2019’ concedida polo Observatorio Internacional da Democracia Participativa (OIDP) “é unha gran satisfacción porque aínda que se trata dunha iniciativa local de dous municipios pequenos chamou a atención dunha organización tan importante a nivel mundial como o OIDP e sitúanos á altura de cidades como Burdeos, Metz, Medellín ou Bogotá”, salienta Sandra González. Cabe salientar que nos últimos anos soamente conseguiron este premio tres entidades españolas: o Cabildo de Tenerife en 2017, o Observatorio Vasco de Vivenda en 2016 e a cidade de Madrid en 2013.
Para o presidente da Câmara Municipal de Vila Nova de Cerveira, trátase do “recoñecemento internacional a unha iniciativa con pouco tempo de vida pero que xa ten un excelente traballo realizado con accións de moito mérito e que son valoradas como exemplo de boas prácticas. As nosas valedoras transfronteirizas desempeñan un papel clave no fortalecemento de vínculos entre Cerveira e Tomiño”.
Unha figura “experimental” para garantir os dereitos da cidadanía
Zara Pousa, por parte de Tomiño, e Mª Lurdes Cunha, por parte de Vila Nova de Cerveira, son as Valedoras da cidadanía transfronteiriza, unha figura “experimental” coa que se procura garantir a defensa, protección e busca de dereitos e intereses particulares de todas as persoas residentes en Tomiño e Cerveira como cidadáns europeos transfronteirizos diante dos órganos e servizos municipais de ambos concellos.
Con este galardón o OIDP salienta o labor innovador destas dúas valedoras, que levan tempo traballando “para mellorar a mobilidade infantil transfronteiriza entre os dous concellos, o que permitiría beneficiarnos de ter dous sistemas educativos distintos, compartir actividades escolares e extraescolares sen a presenza dos proxenitores dos nenos e nenas”, recordou González. Precisamente por este motivo, no marco do programa B-Solutions, a Comisión Europea trasladou a un experto ata a Eurocidade para analizar os problemas de mobilidade de menores de idade entre ambos os dous municipios transfronteirizos e “estudar a fondo o modelo que implementemos para ver se se pode exportar a outros territorios fronteirizos europeos. É unha problemática moi estendida en Europa, pero que aquí fomos quen de sacalo á luz e de tratar de buscarlle solucións”.
Recoñecer experiencias innovadoras en democracia participativa
O obxectivo da distinción da OIDP é recoñecer as experiencias innovadoras que os gobernos locais desenvolvan no campo da democracia participativa. Búscase ademais dar visibilidade a estas prácticas, achegándoas a outros gobernos locais para que poidan ser replicadas. As propostas deben procurar o fortalecemento comunitario, a ampliación dos dereitos da cidadanía relacionados coa participación política e a mellora da calidade das decisións públicas a través de mecanismos de democracia participativa.
O Observatorio Internacional da Democracia Participativa (OIDP), nacido en 2001, é unha rede na que Tomiño se integrou en 2018 e na que participan máis de 800 cidades do mundo, entidades, organizacións e centros de investigación que queren coñecer, intercambiar e aplicar experiencias sobre democracia participativa no ámbito local para profundar na democracia no goberno das cidades.
Ningún comentario:
Publicar un comentario