Educación concede 73 axudas para a matrícula de másteres universitarios para persoas en situación de desemprego
As axudas, que teñen como obxectivo mellorar as perspectivas de incorporación destas persoas ao mercado de traballo, oscilan entre os 591 e os 1.881,60 €, en función do tipo de titulación
Infogauda / Galicia
Un total de 73 persoas son as beneficiarias este ano das axudas da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional destinadas a titulados universitarios en situación de desemprego para a matrícula nun máster universitario oficial ofertado polas universidades do Sistema Universitario de Galicia (SUG) no curso académico 2019/2020, tal e como publica hoxe o Diario Oficial de Galicia.
A contía de cada axuda individual cubre o importe correspondente a 60 créditos de primeira matrícula do máster universitario, segundo os prezos públicos establecidos no anexo do Decreto 73/2019 do 4 de xullo, polo que se fixan os prezos públicos pola prestación de servizos académicos e administrativos nas universidades do SUG. En función do tipo de máster que curse o beneficiario o importe máximo de axuda será de 1.881,6 € e o mínimo de 591 €.
Dos 73 bolseiros, 34 cursan o máster na Universidade da Coruña, 20 na de Santiago de Compostela e 19 na de Vigo. Por sexo, 56 son mulleres e 17 son homes. Cómpre sinalar que o máster máis cursado entre os beneficiarios é o do Profesorado (28 bolsas), seguido do de Xestión e Dirección Laboral (5 bolsas) e Comercio Internacional (4 bolsas).
Para optar a esta axuda as persoas candidatas debían estar en situación de desemprego á data de presentación da solicitude, ter rematados os estudos universitarios que lle dean acceso aos estudos do máster universitario con anterioridade ao 1 de xaneiro de 2017 e estar matriculadas no curso académico 2019/20 nun máster universitario oficial ofertado polas universidades do SUG, dun mínimo de 60 créditos excluídos os créditos recoñecidos, convalidados ou adaptados.
Desde o inicio desta convocatoria, no curso 2013/2014, concedéronse 511 axudas, incluídas as deste ano, por un importe total de 557.210,39 €. O obxectivo desta convocatoria é apoiar os titulados universitarios en situación de desemprego co fin de mellorar as súas perspectivas de incorporación ao mercado de traballo.
Cómpre lembrar que o ano pasado a Consellería decidiu rebaixar os prezos de matrícula dos máster habilitantes ata equiparalos aos dos graos. Deste xeito, Galicia é a Comunidade Autónoma cos prezos medios máis baratos do Estado nestas titulacións -13,5 euros por crédito por debaixo da media estatal, que supera os 25 euros-.
Ningún comentario:
Publicar un comentario