16 de dec. de 2019

CULTURA

O MUSEO DE PONTEVEDRA CELEBRA MAÑÁ O CENTENARIO DO NACEMENTO DE LEOPOLDO NÓVOA COA PRESENTACIÓN DUN DOCUMENTAL SOBRE A SÚA FIGURA  

A peza, dirixida por Xurxo Lobato, será proxectada ás 19 horas no Sexto Edificio como previa da grande exposición dedicada ao autor  




Infogauda / Pontevedra

 Mañá martes 17 de decembro cúmprense cen anos do nacemento de Leopoldo Nóvoa e o Museo de Pontevedra pretende conmemorar a data coa presentación do documental ‘Nóvoa 1919-2019’, dirixido por Xurxo Lobato. A presentación será ás 19:00 horas no Sexto Edificio e forma parte do conxunto de actividades previstas pola institución museística que culminarán o vindeiro mes de xaneiro coa apertura dunha grande exposición retrospectiva sobre o artista pontevedrés.  

 Esteo vídeo recolle testemuñas e opinións de diferentes persoas que tiveron relación co creador, tanto no eido persoal como no profesional, artistas e investigadores e investigadoras: “un mosaico de opinións que conforman un perfil da vida e traxectoria de Leopoldo Nóvoa”, segundo asegura Lobato.  

 Entre elas, fala Rosario Sarmiento (guionista da peza) como comisaria da exposición que se abrirá en xaneiro. Tamén interveñen Celestino García Braña, Xerardo Estévez, Ramón Rozas, Román Pereiro, Sofía Santos, Antón Patiño, Manuel Quintana Martelo, Xavier Seoane e Adolfo Sobrino.     

 Segundo explica o director do Museo, Xosé Manuel Rey, a exposición dedicada a Leopoldo Nóvoa será unha das grandes mostras que a institución acollerá durante o vindeiro ano 2020. Estará aberta ata o mes de abril e recollerá máis de medio cento de pezas de diferentes épocas do autor.

Ningún comentario:

Publicar un comentario