Actividades infantís na ampla programación de Nadal
Desde o luns 23 de decembro
Infogauda / A Guarda
O vindeiro luns día 23 de decembro arrancan na vila guardesa as actividades infantís incluídas na Programación de Nadal 2019/20. Debido ás previsións meteorolóxicas, as accións programadas mudan de emprazamento, realizándose nos baixos da Casa dos Alonso.
Ludoteca de Nadal
Unha das primeiras actividades programadas é a Ludoteca de Nadal, un espazo concibido para que os máis pequenos teñan actividades de lecer con xogos mentres os pais e nais realizan as súas compras de Nadal no casco urbano da vila. Estas actividades están dirixidas a nenas/os de entre 4 e 12 anos de idade cunha duración aproximada de entre unha hora e hora e media. Non é preciso realizar unha inscrición previa, posto que haberá unha folla de rexistro ao comezo, onde as familias poderán inscribir aos seus fillos e fillas e encher as autorizacións correspondentes, onde se lles informará tamén a hora de recollida dos nenos e nenas.
A Ludoteca realizarase na Casa dos Alonso e estará organizada por espazos de diferentes actividades con manualidades plásticas, puzzles e xogos de mesa, xogos simbólicos, biblioteca e pintacaras.
Contarase con dúas monitoras profesionais que estarán a cargo dos menores para velar polo seu benestar e ter un ocio educativo e controlado.
Horarios Ludoteca de Nadal:
• Luns 23: de 16:30 a 19:30h
• Martes 24: de 10:00 a 13:00h
• Luns 30: de 16:30 a 19:30h
• Martes 31: de 10:00 a 13:00h
Xogos e obradoiros infantís
O xoves 26 de decembro a Praza do Monterreal* acolle unha tarde de xogo de mesa con Brazolinda, unha actividade infantil que terá lugar a partires das 16:30h e na que os máis pequenos da casa poderán gozar e pasar un excelente momento cos orixinais e divertidos xogos de mesa que estarán á súa disposición. Estes xogos están pensados para potenciar diferentes capacidades nos nenos e nenas, como a de observación, razoamento ou comunicación; e todo a través da resolución de adiviñas, o debuxo, as matemáticas,...
O xoves día 2 de xaneiro, en horario de 16:30 a 19:30h, terá lugar na Praza de Juan Bautista Alonso (Monterreal)*, un Obradoiro de Nadal para nenas/os coa participación das nais e pais, e que consistirá en dúas actividades paralelas. Por unha banda os nenos e nenas poderán realizar un adorno para o arbolito de Nadal, e por outra banda poderán realizar un marcapáxinas de Nadal para libros. Disporán de todo o material preciso para estas tarefas e non é necesaria inscrición previa. Tamén se contará con pintacaras nesta xornada.
*En caso de choiva estas actividades trasladaranse á Casa dos Alonso.
Espectáculos Infantís
O venres 27 de decembro ás 17:30h, o Centro Cultural acolle o espectáculo de clown infantil «Cartoons». Unha actividade na cal Josito e Víctor interpretan a dous personaxes no seu modo paródico e eficaz de comportarse. Viven rodeados de cartóns, nun mundo de cartón, esa materia valiosísima que, inexplicablemente, nos tiramos ao lixo diariamente.
Os dous artistas non deixarán pasar a oportunidade de mostrar os seus talentos para o cantar e tocar instrumentos, e mostrar as súas habelencias na área da maxia.
O venres día 3 de xaneiro ás 17:30h a Praza do Reló* será o escenario de «Nadal con Paio e Aurelio». Un espectáculo especial para este Nadal con voces en directo a cargo do grupo musical Oviravai e no que 4 personaxes farán as delicias dos máis pequenos da casa.
*En caso de choiva o espectáculo trasladarase ao Centro Cultural.
Ningún comentario:
Publicar un comentario