20 de dec. de 2019

A GUARDA

O Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia presenta unha proposición non de lei en defensa do Centro de Saúde da Guarda 

Antonio Lomba (alcalde do Concello de A Guarda): “A situación que estamos a sufrir na Guarda e comarca levou a que cada xoves, moitos usuarios do Centro de Saúde, acudan ás concentracións convocadas en defensa da sanidade pública”.
 

Na compaña do deputado Julio Torrado, de membros do Grupo Municipal Socialista e de militantes socialistas; o alcalde do Concello de A Guarda amosa a iniciativa parlamentaria do Grupo Parlamentario do PSdeG-PSOE, sobre a problemática do Centro de Saúde da localidade guardesa


Infogauda / A Guarda

 O deputado socialista Julio Torrado Quintela (Vilagarcía de Arousa, 1982), desprazouse este venres día 20 de decembro de 2019 ata a Guarda para dar a coñecer, diante dos medios de comunicación e do Grupo Municipal Socialista, a proposición non de lei en defensa do servizo de saúde pública de Galicia e do Centro de Saúde da Guarda, presentada á mesa do Parlamento de Galicia

 Reunidos na sede local da Agrupación Socialista, representantes do Grupo Municipal Socialista no Concello de A Guarda informaron ao parlamentario do PSdeG-PSOE e fixeron pública “a problemática concreta que está a sufrir a sanidade pública na Guarda

 Respecto a situación do Centro de Saúde da Guarda dende Grupo Municipal Socialista - dixo Antonio Lomba Baz, alcalde de A Guarda - manifestamos o noso total apoio aos traballadores e, por suposto a todos os veciños e veciñas que están padecendo unha mala xestión da cobertura de prazas vacantes motivadas por baixas, vacacións e permisos

 Asemade Lomba Baz referiu: Esta situación de falta de persoal sanitario no Centro de Saúde que vimos arrastrando na Guarda dende fai anos ten como consecuencia unha deficiente atención pola sobrecarga das consultas. Ademais está provocando que as citas se estean dando con moito tempo de demora e incluso anulando moitas delas. 

 A situación sanitaria vese agravada porque no servizo de urxencias (PAC), que atende ademais as localidades de Oia é o Rosal, so hai un equipo médico a maioría do tempo.  

 A Guarda, na actualidade, é un lugar illado debido as malas comunicacións por estrada. Lévanos arredor dunha hora chegar ao noso hospital de referencia. Un anacronismo en pleno século XXI

 Pola súa banda, o concelleiro de Servizos á Cidadanía, Miguel Ángel Español Otero, afirmou: Ademais de todo o comentado queremos denunciar outras cuestións máis concretas que están sucedendo no Centro de Saúde Guardés: hai dous médicos que levan moito tempo de baixa e as súas prazas están sen cubrir. A atención ás consultas destes facultativos estase a facer de forma inadecuada, quedando moitos días sen atender e con cambios constantes de médico. O Centro de Saúde guardés conta con aproximadamente 10.000 tarxetas sanitarias, un número considerable de pacientes potenciais que, cando hai falta de cobertura das consultas, provoca unha distorsión moi importante no servizo. Durante as próximas datas de Nadal, se o SERGAS non lle pon remedio, so se poderá cubrir, de media, o 50 % do servizo. Situación que se agrava polo incremento de poboación debido ao período de vacacións nos colexios e ao retorno, pola significación das celebracións, de moitos traballadores e estudantes. 

 A todo o anterior hai que engadir que 23 xefes de servizo de Centros de Saúde, incluída a xefa do Centro de Saúde da Guarda, levan dimitidas dende fai máis dun ano. Isto provoca que a coordinación das axendas sexa moi deficiente, ao ser elaborada dende a xerencia comarcal, sen ter en conta as necesidades específicas da atención primaria na Guarda

 O alcalde do Concello de A Guarda relembrou: A situación que estamos a sufrir na Guarda e comarca levou a que cada xoves, moitos usuarios do Centro de Saúde, acudan ás concentracións convocadas en defensa da sanidade pública.  

Antonio Lomba Baz, alcalde de A Guarda, reuniuse na sede local da Agrupación Socialista, co parlamentario Julio Torrado 


 Por outra banda, dende o Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia, por iniciativa do seu deputado e a súa deputada, Julio Torrado e Noela Blanco, presentouse a proposición non de lei para o seu debate en Pleno na que se propón: 

 1. Garantir a correcta e plena asistencia sanitaria en atención primaria para o concello da Guarda no seu centro de saúde e a dotación dun novo equipo de profesionais para o PAC da localidade, que da servizo a outros concellos lindantes. 

 2. Atender á solicitude de xuntanza co conselleiro de Sanidade dos representantes municipais dos concellos afectados no Baixo Miño, para aclarar a situación e ofrecer a información sobre as medidas que a Consellería considere necesarias neste escenario.

Ningún comentario:

Publicar un comentario