12 de dec. de 2019

A GUARDA

NACE A PLATAFORMA EN DEFENSA DA SANIDADE PÚBLICA DA GUARDA  

De non solucionarse en breve a falta de persoal médico anuncian a convocatoría dunha manifestación



Infogauda / A Guarda  

 Un grupo de persoas e organizacións de diversa índole acaban de constituir a Plataforma en defensa da Sanidade pública da Guarda. A plataforma anuncia no seu manifesto fundacional estar “aberta a incorporación de todas aquelas organizacións e persoas a título individual que comparten a necesidade de defender a sanidade pública frente aos recortes e procesos de privatización da Consellaría de Sanidade da Xunta de Galiza.  

 Os recortes en sanidade no noso Concello - afirman desde a plataforma -, estanse deixando sentir dunha maneira evidente no Centro de Saúde na Guarda onde xa empeza a ser un hábito que non se cubran as baixas do persoal sanitario. Están xogando coa nosa saúde, están xogando co dereito a unha sanidade pública de calidade. 

A PLATAFORMA PARTICIPARÁ EN TODAS AS MOBILIZACIÓNS CONVOCADAS TODOS OS XOVES

 Como primeira medida a Plataforma participará en todas as mobilizacións convocadas todos os xoves polo persoal sanitario e anima a todo o pobo da Guarda a sumarse a elas. De non solucionarse este problema en breve, anuncian xa a convocatoria dunha manifestación que mesmo podería levarse a cabo antes do Nadal.  

 A cobertura das baixas e permisos do persoal sanitario é a reivindicación central neste momento, pero a Plataforma plantexa tamén outras reivindicacións que consideran fundamentais. O PAC da Guarda atende ao vecindario de O Rosal e Oia ademais dos de A Guarda e cóntase con un so equipo médico para urxencias. Son numerosas as veces que o PAC queda sen persoal sanitario por térense  que desprazar a domicilios algúns a 50 minutos do centro, polo que é vital outro equipo médico para urxencias. Tamén citan dentro das súas reivindicacións que se dote ao centro dunha ambulancia medicalizada ou da creación do servizo de radioloxía.     

Ningún comentario:

Publicar un comentario