28 de nov. de 2019

TUI

Conferencia  

“O Monumento aos Mártires de Sobredo na obra de Camilo Nogueira e na historia da arte galega”, por  Carlos L. Bernárdez, escritor e crítico de Arte  

Sábado 30 de novembro do 2019, ás 19:00 horas, na Sala Félix Rodríguez – Parte traseira Área Panorámica (Tui)   
 


IEAMSo / Tui

 Carlos L. Bernárdez, escritor e crítico de Arte impartirá, o sábado, 30 de novembro, a partir das 19:00 horas (sete da tarde) a conferencia titulada “O Monumento aos Mártires de Sobredo na obra de Camilo Nogueira e na historia da arte galega”. Terá lugar na Sala Félix Rodríguez da Área Panorámica (Tui).  

 Abordase con este tema o aspecto artístico dunha obra escultórica concibida para perpetuar a memoria dos sucesos de Sobredo, nos que perderon a vida tres persoas e varias ducias resultaron feridas, o 28 de novembro do ano 1922, neste lugar da parroquia tudense de Guillarei, cando a Garda Civil disolveu a tiros a concentración de labregas e labregos que participaban nun acto solidario, de apoio a un veciño de Sobredo, que por non pagar rendas de foros ia sufrir un embargo de bens.  

 O Monumento aos Mártires realizado por Camilo Nogueira, por encargo de entidades sociais e subscrición popular, inaugurouse en 1932, no décimo cabodano dos feitos. A obra, nos primeiros días do golpe de estado franquista, sufriu un atentado con dinamita que a derrubou. Foi reconstruída nos anos 80, así mesmo, por iniciativa de entidades asociativas, cincuenta anos despois da súa destrución, nunha das primeiras iniciativas de recuperación de memoria histórica, promovida por colectivos sociais (Asociacións de veciños, Culturais, e Comunidades veciñais propietarias de montes en man común).  

 Presentará ao conferenciante Marga do Val, escritora e directora do Instituto de Estudos Agrarios Mártires de Sobredo (IEAMSo), entidade que organiza a actividade, dentro do ciclo “Sobredo, 97 anos despois”, co que se continua cos actos de conmemoración dos sucesos de Sobredo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario