25 de nov. de 2019

OIA

O Concello edita un libro dos Bolechas enfocado á igualdade e diversidade  

A publicación agasallarase a todos os nenos e nenas do municipio polo Nadal 
   
Portada do libro Os Bolechas. Un magosto moi diveros en Oia
© Pepe Carreiro


Infogauda / Oia

 O Concello de Oia vén de editar un novo libro dos Bolechas, unha historia creada ad hoc coa que os máis pequenos e pequenas poderán recibir información sobre igualdade e diversidade dun xeito ameno e cunha trama que se desenvolve en diversos puntos do municipio.   

 Baixo o título Os Bolechas. Un magosto moi diverso en Oia, os protagonistas desta nova historia aproveitan unha divertida festa de magosto para reflexionar sobre a igualdade de dereitos das persoas independentemente de cuestións de sexo, raza, cor, relixión, opinión, idioma ou país de nacemento.  

 En canto aos lugares onde transcorre o relato, destacan o barrio do Arrabal e o Mosteiro de Oia, os petróglifos de Pedornes e o mirador das Penizas, o parque infantil de Viladesuso, o Centro Cultural de Mougás, un muíño de Burgueira, a fonte de Santa Comba e os montes da Serra da Groba. Tamén aparecen colexios de Refoxos e Mestre Manuel García (coa súa emisora de radio escolar, Radio Arrabal).  

 Para a edición do libro o Concello contou cunha subvención da Secretaría Xeral da Igualdade que cubriu o 100% do investimento (subvencións ás entidades locais para a promoción da igualdade, de forma individual e mediante o sistema de xestión compartida, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, con cargo ao programa operativo FSE Galicia 2014-2020, e polo Pacto de Estado contra a violencia de xénero).  

Agasallo de Nadal  

 O Concello de Oia agasallará o novo libro a todos os nenos e nenas do municipio polo Nadal. Tamén porá a disposición algúns exemplares nas bibliotecas dos colexios.  

 Esta nova aventura dos entrañables personaxes creados por Pepe Carreiro é a terceira que transcorre en Oia. Previamente, o Concello editara Os Bolechas van a Oia (2017) e Os Bolechas. Oia, o Camiño Portugués da Costa (2018), aos que se suma agora o novo libro sobre igualdade e diversidade.

Ningún comentario:

Publicar un comentario