A AGRUPACIÓN MUSICAL DO ROSAL CONMEMORA Á FESTIVIDADE DE SANTA ICÍA
Con varios actos que terán lugar o sábado día 30 de novembro
O concerto da banda de música da Agrupación Musical do Rosal será ás 20:30 horas no Auditorio do Rosal
Agrupación Musical do Rosal / O Rosal
Este sábado 30 de novembro terán lugar os actos que, con motivo da festividade de Santa Icía, realizará a Agrupación Musical do Rosal.
Comezarán ás 18:30 horas cunha misa que terá lugar na Igrexa de Santa Mariña do Rosal, que estará cantada pola Coral da Agrupación Musical do Rosal.
A continuación, ás 20:30 horas no Auditorio do Rosal comezará o concerto a cargo da banda de música da Agrupación Musical do Rosal, baixo a batuta de Javier Alonso Pérez, onde farán a súa presentación oficial 8 novos músicos/as formados na nosa escola.
O concerto será moi dinámico e abarcará música de diferentes culturas. Comezará cun fermoso pasodobre titulado Aniversarios, que o mestre Simón Couceiro escribiu para conmemorar o 70º e 170º aniversario das bandas municipais de Coruña e Santiago de Compostela, respectivamente. Continuaremos cunha obertura do mestre italiano Rossano Galante titulada Victory para, previo paso por Goián, escoitar a obra Beltane do compositor Andrés Álvarez. Despois viaxaremos ata Bulgaria onde Franco Cesarini recolle melodías populares e compón unha obra baseada no folclore local: Bulgarian Dances é, ó mesmo tempo, unha homenaxe ó mestre americano Alfred Reed. O concerto rematará con Strange Humors, do americano John Mackey, que realiza unha mestura de ritmos africanos con melodías de carácter árabe para confeccionar unha peza de carácter vangardista e sonoridade ecléctica.
Nesta ocasión apostamos por un programa enérxico e cheo de vida que fará, sen lugar a dúbidas que todos os asistentes disfruten.
Esta velada festiva terminará cunha cea-baile na que participarán músicos, socios, familiares e simpatizantes da Agrupación Musical do Rosal.
Ningún comentario:
Publicar un comentario