O Concello guardés recibe 2 flores de honra de Vilas en Flor
A entrega dos galardóns de Vilas en Flor Galicia 2019 tivo lugar na Cidade da Cultura
A concelleira de Turismo, Mª Montserrat Magallanes Álvarez e persoal municipal do Concello de A Guarda, participaron no acto de entrega dos Galardóns de Vilas en Flor Galicia 2019
Foto: C.A.G.
Infogauda / A Guarda
O executivo municipal que preside o alcalde Antonio Lomba Baz deu a coñecer no día de hoxe que o pasado día 22 de novembro de 2019 a concelleira de Cultura e Patrimonio, Mª Montserrat Magallanes Álvarez e persoal municipal do Concello de A Guarda, participaron no acto de entrega dos galardóns de Vilas en Flor Galicia 2019 que tivo lugar na Cidade da Cultura en Santiago de Compostela.
Nese evento A Guarda foi premiada con dúas flores de honra, destacando o enorme potencial que reúne o municipio polo seu emprazamento e o seu patrimonio. Segundo quedou de manifesto a Fortaleza de Santa Cruz e o Monte de Santa Trega constitúen dous fitos dunha vila na que se teñen construído grandes actuacións como son o Paseo Marítimo, a Senda Litoral e o Sendeiro Azul, que permiten conectar a zona urbana coa desembocadura do Río Miño.
Desde o Concello salientan: "Resaltouse o nivel de recursos e a funcionalidade dos espazos axardinados da Guarda, pondo en valor os proxectos realizados recentemente coma o entorno da Fortaleza de Santa Cruz, a rúa Concepción Arenal, recuperación das Casas Indianas, entre outras.
Destacouse como bo exemplo o espazo do Centro Cultural e a Biblioteca Municipal, zona axardinada moi preto da Alameda da vila".
O ente promotor de Vilas en Flor está formado pola Fundación Juana de Vega, Asociación de Viveiristas del Noroeste (Asvinor) e Asociación Galega de Empresas de Xardinería (Agaexar), entregando na devandita xornada galardóns para 16 concellos galegos.
O xurado visitara previamente A Guarda o pasado 14 de outubro, onde comprobaron in situ todo o traballo realizado a nivel medioambiental, a xestión de residuos e a mellora do entorno da vila. Nuns días remitirán un informe no que se indicarán as medidas a tomar para continuar coas melloras da vila.
Ningún comentario:
Publicar un comentario