20 de nov. de 2019

O ROSAL

NOVO MATASELOS EMBLEMÁTICO PARA O ROSAL

· Foi deseñado por Ángel Pérez Martínez, do Grupo Filatélico e Numismático «Val do Rosal»

 Infogauda / O Rosal 

 O executivo municipal do Concello do Rosal, que preside á alcaldesa Ánxela Fernández Callís, fixo público este mércores, que desde o día 12 novembro temos un novo mataselos oficial cunha clara identidade Rosaleira que viaxa xa polo mundo adiante en cada unha das nosas cartas e paquetes. 

 Por iniciativa do Grupo Filatélico e Numismático «Val do Rosal» e deseñado por un dos seus membros, o rosaleiro Ángel Pérez Martínez, de San Xoán de Tabagón, a oficina postal de Correos de O Rosal xa emprega o noso novo mataselo. Trátase dun deseño feito con moito detalle, coidado e cariño que amosa claramente quen somos. No mesmo conxúganse as uvas características do noso preciado viño con elementos fundamentais do noso patrimonio, desde os Muíños do Folón e do Picón ata a Ponte do Tamuxe, na Ribeira. 

 O traballo do Grupo Filatélico e Numismático «Val do Rosal» materialízase con esta nova aportación que foi avalada en febreiro polo Concello do Rosal para tramitar nas Oficinas de Correos en Madrid. 

 Grazas a esta iniciativa do Grupo Filatélico e Numismático «Val do Rosal», hoxe en cada palabra, en cada detalle, en cada paquetiño que saia das oficinas de correos do Rosal levamos polo mundo adiante unha pegada máis clara da nosa identidade rosaleira.

Ningún comentario:

Publicar un comentario