8 de nov. de 2019

CULTURA

A flor da camelia e o traxe galego protagonizarán unha nova exposición impulsada pola Xunta en Vigo  

A directora de Turismo, Nava Castro; a delegada territorial da Xunta, Corina Porro, e o presidente da Autoridade Portuaria, Enrique López Veiga, presentaron a iniciativa que se celebrará o 16 e 17 de novembro no Tinglado do Porto

A mostra incluirá como novidade varios traxes do Ballet Galego Rey de Viana así como pezas orixinais como mantóns, capelinas, San Cosmeiros e cofias, entre outras


A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro; a delegada territorial da Xunta en Vigo, Corina Porro, e o presidente da Autoridade Portuaria en Vigo, Enrique López Veiga, presentaron hoxe en Vigo a exposición
Foto: X.G.


Infogauda / Vigo

 A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro; a delegada territorial da Xunta en Vigo, Corina Porro, e o presidente da Autoridade Portuaria en Vigo, Enrique López Veiga, presentaron hoxe en Vigo a exposición Camelia e traxe galego, unha parella perfecta, que poderá visitarse no Tingado do Porto os vindeiros 16 e 17 de novembro.  

 Trátase dunha mostra expositiva itinerante que rende homenaxe ao traxe tradicional galego e onde se mesturarán máis de 200 variedades de camelia con pezas como mantóns, panos, zapatos, capelinas, dengues, San Cosmeiros e cofias, entre outros. Ademais, como novidade, tamén se incluirán varios traxes do Ballet Galego Rey de Viana. Neste contexto, Corina Porro subliñou o fondo vencellamento de Vigo e Galicia con esta flor: “A camelia está presente nas rúas da cidade e leva o nome unha das súas arterias principais, a Avenida das camelias” e animou aos vigueses a visitar en familia a exposición.  

 Como explicou a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, esta exposición é posible grazas ao traballo dos máis de 20 coleccionistas galegos que presentarán na mostra as súas flores cultivadas. Incidiu, ademais, na importancia de exposicións como esta que axudan a poñer en valor un dos recursos turísticos máis orixinais cos que conta Galicia e que é especialmente atractivo en época de tempada baixa, coincidindo coa súa máxima floración.  

 Lembrou, ademais a aposta do Goberno galego por poñer en valor este recurso turístico único a través de iniciativas como a Ruta da Camelia, que percorre Galicia a través de 12 pazos e xardíns e onde o Parque do Castro e o Pazo Museo Quiñones de León forman parte do seu percorrido. 

Entrada gratuíta  

 Tras o seu paso por Santiago de Compostela o ano pasado, a Camelia de Galicia-Traxe galego, unha parella perfecta porá en valor a cultura galega, a natureza e os atractivos que a Ruta da Camelia ofrece a través das súas doce paradas por toda a xeografía galega. Para a súa posta en escena cóntase tamén co apoio de Artesanía de Galicia.  

 “Iniciativas como esta exposición son peza clave na nosa aposta pola diversificación de fluxos e a ampliación de circuítos que visitar no noso destino”, explicou Nava Castro. Debido á particularidade da exposición, con flor natural cortada, a mostra permanecerá aberta dous días en horario ininterrompido de 12,45 a 20,00 horas o sábado 16 de novembro e de 11,00 a 19,00 horas o domingo 17 de novembro, con entrada gratuíta.

Ningún comentario:

Publicar un comentario