28 de nov. de 2019

A GUARDA

O OBRADOIRO DE EMPREGO “MANUEL B. PORTELA VI” FORMA DENDE HOXE A 20 DESEMPREGADAS EN ATENCIÓN SOCIOSANITARIA       

· O delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, inaugurou esta iniciativa coa que o alumnado recibirá formación cun certificado de profesionalidade e un contrato de traballo   

O delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, participou esta mañá na inauguración do novo obradoiro de emprego da Guarda “Manuel B. Portela VI”
Foto: X.G.


Infogauda / A Guarda

 O delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, participou esta mañá na inauguración do novo obradoiro de emprego da Guarda “Manuel B. Portela VI”, que permitirá a 20 persoas desempregadas desta localidade formarse en atención sociosanitaria a persoas en domicilio.   

 O delegado estivo acompañado neste acto do alcalde da localidade, Antonio Lomba Baz; a concelleira de Formación e Desenvolvemento Local, Fátima Rodríguez Marcos; a concelleira de Facenda e Persoal, Mª Montserrat Magallanes Álvarez; a técnica de Emprego do Concello, Mª Elena Rodríguez; así coma representantes da corporación municipal, equipo directivo, docente e alumnado do obradoiro.

 Esta iniciativa trátase dun obradoiro dual que permitirá non só levar a cabo unha formación teórica senón tamén práctica. Contará con 20 alumnas que se formarán durante 9 meses. A Xunta achegará para o desenvolvemento do mesmo un total de 336.446 euros.   

 Deste xeito, as alumnas aproveitarán para desenvolver as súas prácticas con visitas a persoas dependentes en domicilio. Ademais dos alumnos, este obradoiro tamén contará con un director, unha titora, e dúas docentes en área sanitaria e social. 

 Tal e como manifestou o alcalde de A Guarda, este é o primeiro obradoiro que se realiza na vila dende o ano 2008, motivo de satisfacción para o Concello, posto que permitirá formar a persoas da localidade nun sector cunha alta demanda na actualidade, promovendo o emprego e a calidade da atención ás persoas dependentes, o que repercutirá na calidade de vida dos nosos veciños.  

 A concelleira de Formación e Desenvolvemento Local quixo agradecer á Xunta de Galicia que aprobase a realización deste obradoiro na vila, unha vella demanda, que permitirá ter novamente na nosa localidade unha formación de calidade cun alto índice de inserción laboral, convidando ao alumnado participante a aproveitar os coñecementos que van a adquirir neste obradoiro para mellorar a nivel persoal e laboral.

 En total, en Galicia aprobáronse 77 iniciativas cun orzamento de 22,3 M€. Os beneficiarios recibirán formación con certificado de profesionalidade e tamén un contrato de traballo. Na provincia de Pontevedra desenvolveranse 21 iniciativas (15 duais e 6 xuvenís).  

 Trátase da segunda convocatoria deste programa mixto de emprego e formación que ten por finalidade mellorar a ocupabilidade das persoas desempregadas mediante a realización de obras ou prestación de servizos de interese xeral e social que posibiliten ao alumnado participante a realización dun traballo efectivo que, xunto coa formación para o emprego recibida, procure a súa cualificación profesional e favoreza a súa inserción laboral. A duración dos obradoiros duais será de 9 meses.  

 Entre os criterios de valoración desta convocatoria destacaron a maior puntuación para os concellos asociados ou resultantes de fusións de dous ou máis municipios, así como para os concellos emprendedores. Tamén se primaron os proxectos que tiveron máis actividades relacionadas coas TIC e coa economía dixital; a relación do proxecto co tecido empresarial do territorio e, nos casos dos obradoiros duais, valorouse o desenvolvemento dun programa de inserción laboral mediante incentivos á contratación laboral durante un mínimo de tres meses a xornada completa.  

 Os obradoiros de emprego forman parte da Axenda 20 para o Emprego que inclúe, entre os seus obxectivos, mellorar a formación, capacitación e especialización dos traballadores ao longo da vida laboral como panca de cambio. Permite, ademais, actualizar a formación para o emprego nun contexto de aparición de novas ocupacións e transformación ou desaparición doutras.

Ningún comentario:

Publicar un comentario