Conchi Ortega, do PP da Guarda, forma parte da candidatura de Pontevedra ao Congreso
• Xunto aos candidatos ao Congreso e ao Senado, Cristina Pérez e Santiago Rodríguez Davila, realizaron esta tarde un paseo polo centro do pobo.
• Pediron a unión do voto de centro dereita no PP, “os votos que non se traducen en escanos son votos que favorecen a Pedro Sánchez”.
Conchi Ortega - no centro da imaxe - con Cristina Pérez e Santiago Rodríguez Davila
Infogauda / A Guarda
Conchi Ortega, ex voceira do Partido Popular da Guarda que forma parte da candidatura que os populares presentan ao Congreso este domingo, destaca o carácter municipalista da candidatura popular ás Cortes Xerais, con María Ramallo como número 1, e integrada por persoas que coñecen ben o que é a política de proximidade, a de xestionar e resolver os problemas dos veciños.
Foi esta tarde, durante un paseo que deu polo centro do pobo acompañada polos tamén candidatos ao Congreso e ao Senado, Cristina Pérez e Santiago Rodríguez Davila, e no que Ortega reiterou o seu compromiso a seguir traballando por A Guarda e o Baixo Miño.
“O domingo temos a oportunidade de desbloquear de unha vez por todas esta situación, saír da parálise e permitir que en España haxa un goberno serio, responsable, un goberno do Partido Popular que traballe desde o minuto un pensando nas necesidades do país e non de acordo a intereses exclusivamente partidistas”, engadiu.
Para iso, os populares destacaron a importancia de unir o voto do centro dereita en torno ao Partido Popular. “Sabemos que houbo xente que antes votaba ao PP e que o 29 de abril votou outras opcións que non conseguiron escano”, recordaron. En total, na provincia de Pontevedra houbo 90.000 votos que foron a partidos que non obterán representación o domingo, 80.000 votos no caso do Senado, e explicaron que “os votos que non se traducen en escanos favorecen a Pedro Sánchez, por iso hai que unir o voto en torno ao PP”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario