22 de nov. de 2019

A GUARDA

O BNG reclama máis implicación na loita e na prevención  contra a violencia sexual  

Beatriz Lomba (responsable local do BNG e responsable de Acción Feminista na Guarda): “A violencia sexual e unha forma de violencia machista e debe ser tratada como tal” 
  
 Beatriz Lomba Rodríguez, responsable local do BNG e responsable de Acción Feminista na Guarda
Foto: BNG


Infogauda / A Guarda

 O BNG ven de presentar no concello da Guarda unha moción sobre o 25 de novembro. Se ben é certo que temos dado pasos adiante como sociedade na visibilización da violencia machista, queda moito por facer, afirma Beatriz Lomba Rodríguez, responsable local do BNG e responsable de Acción Feminista na Guarda.  No ano 2018, rexistraronse en Galiza un total de 540 delitos de tipo sexual, unha agresión e media o día. A Fiscalía Xeral do Estado alerta sobre o aumento da violencia e destes delitos entre a mocidade e relacíonao directamente coa preeminencia da pornografia nas redes sociais e como forma de educacion e socialización sexual.   

 Beatriz Lomba tamén relembra que a OMS define a violencia sexual como calquera acto sexual, a tentativa de consumar un acto sexual ou outro acto dirixido contra a sexualidade dunha persoa mediante coacción por parte doutra persoa, independentemente da súa relación coa vítima, e en calquera ámbito.   

 Parece impensábel que a día de hoxe a nivel estatal isto non se contempla nin na lexislación, nin na práctica de ámbitos que son da súa competencia, como é o da xustiza. Desta forma vemos como por exemplo un caso de violación múltiple non sería tratado nin como violencia machista nin nun xulgado específico.   

 A esta cuestión hai que engadir as deficiencias dun sistema xudicial absolutamente decimonónimo e patriarcal no que se cuestiona a veracidade da vítima, non se contempla o consentimento e mantéñense unhas tipificacións legais inadecuadas que non contemplan a crueldade e especificidade da violencia sexual nin a esta como violencia machista.   

 Finalmente, Beatriz Lomba salienta: Dende o BNG, reclamamos a introducción no marco legal do concepto do consentimento, máis recursos que garantan espazos adecuados nos xulgados, unidades de valoración forense integrais, atención xurídica e psicolóxica gratuíta e 24 horas, programas específicos de formación para os profesionais que traballan na prevención e atención da violencia machista. En materia de prevención a implantación de contidos de educación afectivo-sexual en todas as etapas do currículo educativo como papel fundamental para superar o papel da pornografía como fonte de información para a mocidade.

Ningún comentario:

Publicar un comentario