COMUNICADO ÍNTEGRO PRONUNCIADO POLO SECRETARIO COMARCAL DA CIG, NA TARDIÑA DE HOXE
AO TERMO DA MOBILIZACIÓN CONVOCADA POLA CIG NA CIDADE DE VIGO
Boa tarde compañeiras e
compañeiros:
A CIG, como primeira forza
sindical na nosa comarca, convocamos esta grande manifestación para enviarmos
un S.O.S. diante da situación de emerxencia social, laboral e produtiva. Un
S.O.S, non en tono de laio ou de queixa, senón de esixencia. Para urxir medidas
concretas que garantan o futuro industrial de Vigo e a súa bisbarra, o emprego
digno e os servizos públicos. Para volver reivindicar o noso dereito
irrenunciábel a vivirmos con dignidade do traballo na propia terra.
Hoxe só nesta cidade de Vigo hai
7.100 postos de traballo menos dos que había hai unha década. Seis de cada dez
empregos destruídos eran industriais. Perante o abandono da Xunta do Partido Popular e a indiferenza do
Goberno español do PSOE, asistimos nos últimos meses e anos, ao imparábel
avanzar dun proceso de desertización produtiva que nos lembra ao que antes
viviron noutras comarcas galegas.
No plano industrial, vemos como
unha actividade estratéxica para a nosa comarca e para o conxunto da nosa
nación, como é a construción naval fica nunha situación límite. Vulcano, un
estaleiro centenario, abocado ao seu feche inminente. E Barreras, que ten sido
escenario de mil e unha promesas electoralistas e operacións de propaganda,
atravesando unha situación crítica. E a industria auxiliar, que é hoxe a espiña
dorsal do sector, afogada e asfixiada pola crise dos estaleiros principais.
O naval vigués, que non hai tantos
anos representaba 10 mil postos de traballo hoxe non pasa de 2 mil. Un sector
no que Vigo, e Galiza, fomos potencia, semella estar condenado pola
incapacidade do capital privado e pola inacción, cómplice e irresponsábel, da
Xunta e do Goberno español. E nós dicimos que se o empresariado privado non é
quen de poñer en marcha as enormes potencialidades deste sector teremos que
facelo desde o público. E por iso a CIG demandamos, sen complexos nin titubeos,
a intervención pública directa que asegure o futuro de Barreras e de Vulcano
como estaleiros públicos, como os que xa existen noutras partes de Galiza e do
Estado, como única maneira real e efectiva de garantirmos a actividade e o
emprego.
Observamos con preocupación como o
sector da automoción, outra das actividades clave na economía produtiva desta
comarca, enfronta importantes dificultades. Expedientes de regulación de
emprego, destrución de postos de traballo, un aumento brutal da precariedade e
da explotación laboral cunha cada vez maior presenza de ETTs, empresas
multiservizos e centros especiais de emprego, están a marcar a evolución deste
sector nun momento no que a industria do automóbil enfronta ademais importantes
retos de futuro. Tamén ameaza real da
deslocalización, como demostra o feito de que empresas do sector teñan apostado
por se asentaren en Portugal ou a vontade cada vez menos disimulada de PSA de
trasladar produción a outras factorías.
Por iso
temos que demandar a posta en marcha dunha Mesa Galega da Automoción, que coa
participación do tecido produtivo, os sindicatos e as universidades, permita
impulsar un Plan comarcal para a industria da automoción. Un plan que aposte na
innovación, na especialización e na promoción de novos vehículos híbridos e
eléctricos, para competirmos por capacidade tecnolóxica, por valor engadido, e
non con precariedade e baixos salarios.
Vimos
hai poucas semanas como o director executivo de PSA laiábase sen vergoña de que
os operarios da factoría de Balaídos tiñan mellores salarios que os de
Marrocos. Díxoo un individuo que percibe 18 mil euros ao día nunha empresa que
nos últimos tres anos aumentou por volta dun 62% os dividendos para os seus
accionistas e que en 2018 obtivo case 3 mil millóns de euros en
beneficios. Cifras que evidencian que
segue plenamente vixente a loita de clases, e que confirman que no capitalismo
os lucros duns poucos son sempre a costa da explotación de moitos. E por iso
nós dicimos que o tempo de competir recortando dereitos e salarios, acabou. E
por iso esiximos que non se destine nin un euro público máis a empresas que non
garantan condicións laborais e retribucións dignas.
O
futuro industrial da nosa comarca pasa tamén por facer valer o feito de que
Galiza sexamos produtores netos de enerxía, demandando a creación dunha tarifa
eléctrica industrial galega que como xa se fai en Euskadi permita abaratar os
custos enerxéticos ao noso tecido produtivo. É intolerábel que Galiza siga a padecer os efectos ambientais e
sociais de producir enerxía e o único beneficiado sexa ese buraco negro que
chaman Madrid. Abonda xa de espolio colonial! Coloquemos os nosos recursos en
favor dos nosos intereses como pobo e como país.
Nese sentido, queremos expresar desde Vigo
unha mensaxe fraternal e solidaria coas compañeiras e compañeiros do norte do
País, que están a enfrontar con decisión tamén unha dura crise industrial e a
falla dun Goberno galego que mereza de tal nome. Estamos tamén cos
traballadores de Alcoa e da central térmica das Pontes! A súa causa é tamén a
nosa.
Compañeiras
e compañeiros,á crise produtiva e industrial temos que engadir o efecto letal
que están a ter as políticas de recorte e privatización dos servizos públicos,
e de maneira especial no ámbito da sanidade, que se ten traducido en que hoxe
na cidade de Vigo haxa case 3 mil empregos públicos menos que en 2009. Quero facer unha mención expresa reiterando
o total apoio da CIG ao colectivo de bombeiros da cidade de Vigo que levan máis
de dous meses en folga indefinida, reclamando non só os seus dereitos laborais
senón que se dispoña do persoal suficiente para garantir a súa seguridade e a
da cidadanía, fronte a un Goberno municipal autoritario que se nega a negociar.
Sen Bombeiros Vigo non é segura!
Así, ao
Hospital Álvaro Cunqueiro recortado e privatizado, engadiuse o desmantelamento
de boa parte do Hospital do Meixoeiro e agora tamén a venda de Povisa a un fondo
voitre norteamericano, poñendo en risco a atención sanitaria de case 140 mil
persoas e arredor de 1.500 postos de traballo.
O
concerto especial de Povisa e o canon anual que pagamos, todas e todos, polo
hospital Álvaro Cunqueiro á UTE privada que o construíu e xestiona, suman case
150 millóns de euros ao ano. 150 millóns de diñeiro público que en lugar de se
destinaren á sanidade pública van parar aos petos de grandes empresarios. Para
despois ver como Centene Corporation, a través de RiberaSalud, compra Povisa
por apenas 24 millóns mentres a Xunta de Feijóo fai como se non pasase nada.
Diante
da política privatizadora e de recorte que xoga coa nosa saúde, nós esiximos a
absorción de Povisa para a súa integración na rede pública no Sergas, así como
que se rescate de inmediato a concesión privada do hospital Álvaro Cunqueiro,
para garantirmos dunha vez por todas a atención sanitaria 100% pública,
universal, gratuíta e de calidade e o mantemento de emprego.
Compañeiros e compañeiras, a CIG
non queremos ficar apenas no diagnóstico. Queremos ser parte activa do
tratamento. Esta situación crítica ten causas e responsábeis, pero existen
tamén alternativas para a reverter. O tempo de esperar xa pasou. Non podemos
perder nin un minuto máis mentres a nosa comarca está a ser engulida por unha
crise industrial que ameaza con nos desertizar. Temos que reclamar tanto da
Xunta de Galiza como do Goberno español unha mudanza radical nas súas políticas
e medidas reais e efectivas en favor da reindustrialización da nosa comarca.
Fagámolo insistindo na
mobilización e no conflito, en plantarlles cara coa loita organizada que nós
dicimos que ten que cristalizar, si ou si, nunha FOLGA XERAL.
E fagámolo tamén cos votos o
próximo 10 de novembro, apostando decididamente por aquelas forzas políticas,
que desde o nacionalismo e a esquerda, defenden con nós o noso dereito a
producir, a traballar e a vivir con dignidade no noso País.
Castigando con dureza tanto a quen nos impuxeron as reformas laborais, das
pensións e da negociación colectiva, que se traduciron en máis paro, máis
precariedade e menores salarios, como a quen nos prometeron que as ían tombar
pero as deixaron intactas. Fagamos valer a nosa forza como clase traballadora
galega, nas rúas e nas urnas.
Avante coa loita obreira!
Viva a CIG!
Viva Galiza ceibe e socialista!
Ningún comentario:
Publicar un comentario