29 de out. de 2019

MADRID

A “Guía de viños, destilados e bodegas de Galicia”, finalista nos premios IWC Merchant Awards do Reino Unido 

Estes galardóns son as máis importantes distincións do sector da enogastronomía europea 

“A importancia da guía é un reflexo da madurez do sector do viño en Galicia”, afirma o seu editor, Luis Paadín
 
Infogauda / Madrid

 O sector do viño galego está de parabén. A “Guía de viños, destilados e bodegas de Galicia” compite, na súa categoría, con só outro finalista nos premios IWC Merchant Awards británicos, os mellores do sector da enogastronomía europea. Segundo o seu editor, Luis Paadín, esta noticia é un reflexo “da madurez e grao de coñecemento que ten acadado o viño galego no mundo”. 

 Os premios nos que está nomeada a guía dos viños galegos naceron hai 25 anos no Reino Unido e dende hai catro anos contan coa súa propia edición en España. Teñen como fin distinguir a profesionalidade no sector da distribución e das industrias do viño en España. 

 Normalmente, a distinción premia as novas ideas e formatos, os casos de éxito, os novos modelos de negocio e as innovadoras formas de achegarse ao consumidor. O fallo, no que se coñecerá ao gañador, terá lugar en Madrid o próximo 4 de novembro. 

 Dez edicións A “Guía de viños, destilados e bodegas de Galicia” acada este ano a súa décima edición, que será presentada o próximo mes de decembro. Trátase da única guía galega sin publicidade, con máis de 15.000 exemplares editados, que ausculta o estado e os productos de máis de 500 adegas, proporcionando máis de 1.500 referencias, máis de 1.000 fichas de cata e con máis de 1.200 viños participantes por edición. 

 Grazas a ela, os viños de Galicia teñen estado presentes nas edicións do Galician Wines, nas que máis de 3.500 persoas –sumilleres, hosteleiros, prensa especializada e público xeral- teñen desfrutado e coñecido os viños galegos. 

 Segundo o seu editor, Luis Paadín, a guía estase a converter “na ferramenta definitiva para a promoción dos viños de Galicia”, xa que non todas as CCAA contan cunha guía propia. 

 “O éxito da guía é un reflexo da madurez do sector do viño en Galicia”, afirma, “porque igual que cando unha sociedade evoluciona edita un xornal, unha comunidade con proxección enolóxica ten que ter a súa propia guía”, dixo agradecendo este importante nomeamento.

Ningún comentario:

Publicar un comentario