11 de out. de 2019

A GUARDA

NO LXXX ANIVERSARIO DO CAMPO DE CONCENTRACIÓN DE CAMPOSANCOS (1939-2019), "A PORTA DO INFERNO"

COMISIÓNS OBREIRAS RELEMBROU ÁS VÍCTIMAS  DO FRANQUISMO NA FOSA COMÚN DE SESTÁS

O Concello de A Guarda colaborou nos actos desenvolvidos este 10 de outubro de 2019

  


Infogauda / A Guarda

  A memoria histórica é unha lección que todos debemos coñecer para non repetir os mesmos erros e os mesmos feitos, que pola cobiza insaciable dalgúns, coa complicidade de institucions que predican a paz pero que nalgúns casos tamén contribuiron á guerra e ao longo de máis de catro décadas foron o sostén espiritual do franquismo; fixeron do noso país un sanguiñento campo de batalla, que conlevou milleiros de víctimas inocentes, anos de fame, miseria e involución.

 Convidado polo Sindicato Comarcal de Pensionistas e Xubilados de CC.OO. de Vigo, o catedrático de Literatura Galega, escritor, investigador, poeta, conferenciante e ex-presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero (Vigo, 1928), estivo onte o mediodía nas aulas do IES A Sangriña. 

 Botando mán da súa prodixiosa memoria e coa forza do seu verbo culto, o profesor Alonso Montero faloulles aos alumnos de Bacharelato de Memoria Histórica e da traxedía que supuxo para o noso país, o golpe de estado de 1936 e o que viría logo de que o conflicto bélico fose dado oficialmente por rematado en 1939, cunha longa postguerra, que en maior ou menor medida, algúns relembramos.

 Pola tarde, pouco despois das 17:15 horas, e procedentes do Principado de Asturias, achegáronse ata a Fosa Común de Sestás, sindicalistas de CC.OO., membros da Fundación Juan Muñiz Zapico - entidade sen ánemo de lucro, creada por iniciativa de CC.OO. de Asturias -, profesores universitarios, parlamentarios asturianos, familiares e veciños de algunhas das persoas que estiveron privadas de libertade no Campo de Concentración de Camposancos - ubicado no Colexio dos Xesuitas, da Pasaxe -, e posteriormente foron fusiladas a carón do cemiterio parroquial de A Guarda. 

 Xunto coa representación da Comunidade de Asturias, viñeron o secretario xeral - Roberto Alonso Ucha - e membros do Sindicato Comarcal de Pensionistas e Xubilados de CC.OO. de Vigo, así como do Sindicato Nacional de CC.OO. de Galicia, e veteranos políticos e sindicalistas de A Guarda e doutros lugares da provincia de Pontevedra, como Waldino Varela Martínez, Eloi Gómez Mariño, Celso Rodríguez Fariñas, José Antonio Morais, Xosé Vicente Romero, entre outros, así como membros de Levada Libre e da Comisión Pro-Fosa Común de Sestás.

 O motivo desta visita a ese lugar da Memoria Histórica na nosa localidade, foi para á tradicional homenaxe que desde á década dos anos 80 do pasado século, ven desenvolvéndose anualmente, e de xeito especial desde 1986, ano no que foi inaugurado o memorial que preside a Fosa Común de Sestás. De tódolos xeitos, sería desde o ano 2005, cando o Sindicato Comarcal de Pensionistas e Xubilados de CC.OO., decidiu facer partícipe dos actos ao Concello de A Guarda, representado polo alcalde.


  
 Unha vez reunidos diante do memorial de Sestás, interviu Roberto Alonso Ucha, que fixo unha breve salutación de benvida a todos os presentes, cedéndolle á palabra ao alcalde Antonio Lomba Baz.

 Na súa intervención, o alcalde de A Guarda, referiu á motivación principal deste encontro, "(...) renderlles unha homenaxe aos miles de presos que estiveron no Campo de Concentración de Camposancos, que eran persoas inocentes. Algúns morreron polas súas ideas, pero outros nin siquera tiñan conviccións políticas tan arraigadas, como para privarlles do dereito á vida (...)".

 O alcalde salientou o feito de que "(...) cando no noso país ainda no se falaba de Memoria Histórica, un grupo de persoas de A Guarda entendeu que había que dignificar o lugar onde foran masacradas moitas persoas (...)". "(...) Quero - engadiu o alcalde Antonio Lomba Baz - darlles as grazas aos que fixeron este lugar da Memoria (...)". 

 As verbas do alcalde foron correspondidas polos aplausos dos alí congregados.

 A continuación interviu Amelia Pérez, secretaria xeral da Unión Comarcal de CC.OO. de Vigo, para decir, en síntese, "(...) unha mensaxe aos máis xóvenes para que non esquezan (...)".

 Tralas verbas de Amelia Pérez, fixo uso da palabra Carlos Mella, secretario xeral da Federación de Penionistas e Xubilados de CC.OO. de Galicia, quen fixo mención de "(...) haber acudido a charla do compañeiro Xesús Alonso Montero cos alumnos do Instituto A Sangriña (...)", e ao tempo que referiuse á procedencia das persoas que foron fusiladas na fosa común de Sestás, dixo que "(...) no noso país non debera haber ningunha rúa adicada aos franquistas, senón a persoas como Rafael Alberti, Federica Montseny, Miguel Hernández,...(...)", e salientou "(...) o compromiso de CC.OO. coa Memoria Histórica, ao tempo que puxo en alto valor ao pobo de A Guarda polo súa solidariedade (...)".

 Carlos Mella rematou súa intervención dando vivas á Democracia, á Libertade a a CC.OO., sendo correspondido polo público.

 A continuación interviu Benjamín Gutiérrez Huerta, director da fundación Juan Muñiz Zapico, quen relembrou ás orixes da guerra civil, quen á gañou e quen a perdeu, para engadir: "(...) Non podemos permitir que siga habendo milleiros de cadavres nas cunetas de todo o estado [español] (...)". "(...) Temos que decir que "As Trece Rosas" foron asasinadas vilmente, e temos que denunciar aos que pretenden reescreber a Historia de xeito torticeiro e malévolo (...)".

 Tamén relembrou "(...) o compromiso do PCE e de CC.OO. pola recuperación da Memoria Histórica (...)", e denunciou "(...) á perda de dereitos sociais e laborais (...)" en varios países do mundo.

 Tampouco esquezou o nome - Mariano Rajoy - de quen mantivo a "Lei Mordaza" e a Reforma Laboral, referindo a sangría de postos de traballo, precisamente por causa da Reforma Laboral.

 Na súa intervención tampouco esqueceu "(...) a situación dos traballadores de ALCOA, de Galicia e de Asturias, e a necesidade de contar canto antes cun estatuto electro intensivo que permita súa competitividade e manter os postos de traballo (...)".

 Finalmente animou "(...) a acudir a votar o vindeiro día 10 de novembro. Primeiro porque é un dereito polo que tantas persoas loitaron ao longo de moitos anos, e segundo polos que loitan por poder contar con ese dereito (...)", relembrando que "(...) se as forzas de esquerda pelexan por separado, favorécese á dereita (...)".

 A intervención de Gutiérrez Huerta foi saudada cunha salva de aplausos.

 Finalmente sería o turno de Ramón Sarmiento, secretario xeral de CC.OO. de Galicia, que comezaría cun saúdo dirixido a tódalas persoas que viñeron de Asturias, algunhas das cales - como á familia Palacios - que teñen neste lugar os restos mortais dun familiar seu [Luis Palacios González, natural de Ciaño (Oviedo), que tiña 20 anos cando foi fusilado]. 

 Relembrou a tódolos presentes que desde o ano 2005, CC.OO. ven convidando ao Concello de A Guarda a participar nesta ofrenda anual.

 Sarmiento dixo tamén que "(...) algúns queren reescreber á historia (...)", ao tempo que afirmou que "(...) non hai pobo neste país que non teña mortos nas súas cunetas nin a a carón das taipas de cemiterio: Son víctimas, e para nós teñen que ser heroes.

 A memoria alimenta o corpo. Se non hai memoria hai fame (...)".

 Tamén dixo: "(...) A loita pola xustiza social estivo paralizada neste país. A dereita inoculou o veneno do fascismo e é capaz de reverter á historia (...)".

 As verbas do secretario do S.N.de CC.OO. de Galicia foron correspondidas con aplausos dos asistentes.
 

 A continuación Roberto Alonso Ucha deu paso a uns compañeiros - unha muller e un home - asturianos, que depositaron unha coroa de laureiro, cunha bandeira da República, a xeito de crespón, diante do memorial de Sestás. E deseguido foron depositados caraveis vermellos en distintos lugares da fosa común.

 Finalmente, o Coro de CC.OO. Cantos de Liberdade, interpretou "A Internacional", cuxa letra foi coreada cos puños en alto por moitas persoas - entre elas o alcalde de  A Guarda -, que asistiron a este acto.
 


 Posteriormente, ás 18:45 horas, na sala de sesións da Casa do Concello de A Guarda, con motivo do LXXX aniversario do Campo de Concentración de Camposancos, considerado por algúns supervivientes como "A Porta do Inferno" ; tivo lugar unha mesa redonda presentada por Roberto Alonso Ucha, e na cal participaron: Antonio Lomba Baz, alcalde de A Guarda; José Ballesta, co-director do documentario "Memorial de Camposancos"; Benjamín Gutiérrez, director da Fundación Juan Muñiz Zapico, e o investigador local José Antonio Uris Guisantes.




 O acto, que estivo moi concorrido, completándose con creces o aforo do salón multiusos, contou tamén coa participación do Coro de CC.OO. Cantos de Liberdade, que interpretou: "Compañeira", "Grândola Vila Morena", "No pozu María Luisa" [que adicaron aos compañeiros de Asturies] e "A Internacional".

 Segundo os datos aportados por Uris Guisantes, "durante a Guerra Civil establecéronse en España máis de 300 campos de concentración, dos cales 10 en Galicia. Polo de Camposancos, situado no antigo Colexio dos Xesuítas, pasaron máis de 5.000 persoas, cando súa capacidade era de tan soio 868 presos".  



 "Os primeiros presos procedían de Asturias e foron traídos aquí despois da caída da fronte do Norte, en outubro de 1937, pero moitas outras comunidades estiveron representadas”, explicou, engadindo que alí se ditaron ata 220 penas de morte, das cales foron executadas 175, polo que ata 49 corpos xacen nunha fosa común fora do muro do cemiterio (...)".

 O estudoso de temas relacionados coa Memoria Historia aportou moitos máis datos, todo eles, significativos do terror que impuxeron efectivos e afíns das tropas rebeldes e elementos da Falanxe.

 O acto rematou ao fío das 20:00 horas, xa que á maioría dos asistentes tiñan que desprazarse en dous ómnibus ata á cidade de Vigo, e algúns ir viaxar ata outras cidades de Galicia.

Ningún comentario:

Publicar un comentario