Cores Tourís analiza coa distribuidora de Naturgy as actuacións para a mellora da calidade do subministro eléctrico na provincia de Pontevedra
UFD informou ao delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra que xa finalizou case todas as obras de mellora definidas nos plans do Morrazo e O Salnés
Outro dos temas que se abordou durante a reunión foron as incidencias eléctricas acaecidas este verán no concello de Pontevedra
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, mantivo unha reunión con representantes da distribuidora eléctrica do grupo Naturgy
Foto: X. G.
Infogauda / Pontevedra
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, mantivo nas últimas horas unha reunión para analizar coa distribuidora eléctrica do grupo Naturgy as actuacións que se están a realizar para a mellora da calidade do subministro eléctrico na provincia de Pontevedra.
Na reunión estivo presente o director de UFD (distribuidora eléctrica do grupo Naturgy) en Galicia, Julio Gonzalo, así como o xefe territorial de Economía, Emprego e Industria en Pontevedra, Ignacio Rial, e o delegado de UFD na provincia de Pontevedra, Francisco Ramos.
O encontro tivo como obxectivo analizar a calidade do subministro eléctrico na provincia de Pontevedra e dar seguimento ás actuacións de mellora que se están a desenvolver na zona. Durante a reunión revisáronse as actuacións dos plans de mellora da calidade no Morrazo e O Salnés.
UFD trasladou á Xunta de Galicia que a maioría das obras previstas nos devanditos plans xa se atopan finalizadas, quedando só pendentes as obras de mellora en Punta do Couso, na península do Morrazo, e os traballos nas liñas eléctricas que se alimentan dende a subestación de Nantes, en Sanxenxo. Nese contexto, UFD anunciou que xa se iniciou a obra de Punta do Couso e que proximamente comezarán as obras da saída a Meaño.
Outro dos temas que se abordou durante a reunión foron as incidencias eléctricas acaecidas este verán no concello de Pontevedra, as últimas das cales sucederon os días 27 de agosto e 1 de setembro e que afectaron o núcleo urbano de Pontevedra. UFD informou á Xunta de Galicia que as distintas incidencias durante o verán foron analizadas e mostrou a súa total disposición para compartir os plans de acción definidos tanto co Concello de Pontevedra como coa administración autonómica.
Dende a Xefatura Territorial pediuse a UFD a revisión das instalacións que puideran ter similitudes ás afectadas durante este verán, de cara a avaliar a súa fatiga e a súa posible substitución. Unión Fenosa acordou informar puntualmente á Delegación Territorial dos resultados destas actuacións e comprometeuse a facer un seguimento intensivo de tódalas incidencias que se produzan na cidade do Lérez, de cara a que a Xefatura Territorial estea informada destas actuacións de mantemento e poida facer tamén un seguimento propio das incidencias acaecidas.
Así mesmo, UFD indicou que os plans de mantemento e os investimentos realizados nos últimos anos no concello de Pontevedra supuxeron unha mellora substancial da calidade de subministración eléctrica, situando actualmente á cidade entre as primeiras de España segundo a medición oficial que ten en conta o número de interrupcións, os clientes afectados e a duración das mesmas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario