20 de set. de 2019

PONTEVEDRA

A Deputación de Pontevedra incrementa ata preto de dous millóns e medio de euros para os servizos sociais comunitarios nos concellos da provincia  

"É a maior contía que destinou a institución provincial ao financiamento do servizo de axuda no fogar básico e ao persoal dos concellos, que se dedican a facerlles fronte ás demandas sociais das persoas con máis dificultades", destacou Silva

Carmela Silva Rego, presidenta da Deputación de Pontevedra
Foto: D. PO.

Infogauda / Pontevedra

 A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou hoxe o Plan de cofinanciamento dos servizos sociais comunitarios municipais dos concellos de menos de 20.000 habitantes. Nesta convocatoria póñense a disposición de 52 concellos da provincia un total de 2.370.563,9 euros, o que supón un incremento de 65.450,57 euros con respecto ao 2018. "Trátase da maior contía destinada, ata o momento, ao financiamento do servizo de axuda no fogar básico e ao persoal dos concellos de menos de 20.000 habitantes, que se dedican a facerlles fronte ás demandas sociais das persoas con máis dificultade", subliñou Carmela Silva.  

 Tal e como explicou a presidenta da Deputación, este ano a institución provincial aumenta o financiamento deste plan en dous aspectos. Por unha banda, "máis recursos para garantir o diñeiro que van recibir o servizo de axuda no fogar", de acordo co Decreto que os regula, nos concellos de Baiona, Cambados, Gondomar, Moaña, Poio, O Porriño, Salceda, Soutomaior, Tui e Vilaboa. Por outra, tamén se reforza o financiamento aos 15 concellos que presentan os índices de envellecemento máis elevado, "unha decisión propia da Administración provincial na súa aposta por facilitar que haxa medidas para o envellecemento activo, apostando sobre todo por aqueles lugares que teñen máis dificultades", indicou Silva. Neste caso os concellos son Agolada, Campo Lameiro, A Cañiza, Cerdedo-Cotobade, Covelo, Crecente, Cuntis, Dozón, Forcarei, Fornelos de Montes, A Lama, Mondariz, As Neves, Rodeiro e Vila de Cruces.  

 No servizo de axuda no fogar "adxudicamos 1.291.561,9 euros para atender persoas maiores con déficits de autonomía e persoas con diversidade funcional, especialmente cando carezan de apoio persoal no seu medio inmediato". O perfil das persoas usuarias deste servizo é, principalmente, unha muller, maior de 70 anos, coas limitacións propias da idade e que precisa apoio para realizar algunha das tarefas e actividades da vida diaria.  

 Máis polo miúdo, o Plan de financiamento dos servizos sociais comunitarios municipais busca integrar o conxunto de proxectos e servizos de apoio educativo e psicosocial dirixidos ás familias, co obxectivo de detectar, previr e superar as situacións de dificultade, especialmente as eventuais situacións de maltrato infantil ou calquera outra desprotección, así como promover procesos de cambio que favorezan un adecuado exercicio das responsabilidades familiares e a mellora da autonomía, da integración e da participación social das familias e unidades de convivencia.  

 En concreto, co Plan deste ano 2019 a comarca da Paradanta recibirá un total de 159.169,07 euros, que se repartirán entre as vilas de Arbo (44.552,06 €), A Cañiza (48.339,71 €), Covelo (36.387,71 €) e Crecente (29.889,59 €).  

 O Condado recibirá 162.018,12 euros, que se dividirán entre Mondariz (56.079,21 €), Mondariz-Balneario (22.697,2 €), As Neves (30.718,71 €) e Salvaterra do Miño (52.523 €).  

 Ao Baixo Miño destinaránselle 225.636,15 euros, que se repartirán entre A Guarda (59.866,12 €), Oia (25.541,24 €), O Rosal (27.847,29 €), Tomiño (59.042 €) e Tui (53.339,5 €).  

 O Val Miñor obterá 169.338 euros, que se distribuirán entre Baiona (51.310 €), Gondomar (55.514 €) e Nigrán (62.514 €). 

 A comarca de Deza recibirá 233.570,52 euros, que se dividirán entre Agolada (50.633,27 €), Dozón (41.867,19 €), Rodeiro (26.884,53 €), Silleda (60.847,71 €) e Vila de Cruces (53.337,82 €).  

 A Tabeirós-Terra de Montes destinaránselle 113.634,63 euros, que se repartirán entre Cerdedo-Cotobade (59.534,78 €) e Forcarei (54.099,85 €).  

 Para a comarca de Vigo irán 276.157,18 euros, que se distribuirán entre Fornelos de Montes (26.395,61 €), Mos (65.851,24 €), O Porriño (69.571 €), Pazos de Borbén (24.094,05 €), Salceda de Caselas (60.027,14 €) e Soutomaior (30.218,14 €).  

 O Morrazo recibe 132.737 euros, que se repartirán entre Bueu (51.786 €) e Moaña (80.951 €).  

 O Salnés obterá 490.059,26 euros, que se dividirán entre Cambados (54.670 €), Catoira (21.337 €), O Grove (59.220,79 €), A Illa de Arousa (28.521 €), Meaño (55.042 €), Meis (31.224,86 €), Pontecesures (21.666,5 €), Ribadumia (29.296,63 €), Sanxenxo (62.202 €), Valga (43.939 €) e Vilanova de Arousa (82.939,48 €).  

 Por último, a comarca de Pontevedra recibe 408.243,97 euros, que se repartirán entre Barro (39.097,77 €), Caldas (50.907 €), Campo Lameiro (27.328 €), Cuntis (41.521,21 €), A Lama (41.345,35 €), Moraña (23.577 €), Poio (92.628,5 €), Ponte Caldelas (40.917 €), Portas (29.806,5 €), e Vilaboa (21.115,64 €).

Ningún comentario:

Publicar un comentario