Bieito Romero, fundador de Luar na Lubre, fillo adoptivo do Concello de Esgos
No acto, celebrado esta mañá no mosteiro de San Pedro de Rocas, o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, definiu ao galardoado como un dos máximos expoñentes da música galega. "Falar de Bieito Romero é falar de Luar Na Lubre, a súa gran aportación á cultura con maiúsculas", e salientou "o seu labor a prol da universalidade da nosa música".
O presidente do goberno provincial dixo que Romero "é merecente da máis alta distinción de Esgos por ser un auténtico trobador do noso, estrela da música folk, e un destacado investigador; pero por riba de todo, unha persoa orgullosa das súas raíces, da Ribeira Sacra, e da fonda pegada que ten na súa vida a pertenza a estas terras".
O líder de Luar Na Lubre agradeceu o nomeamento afirmando que supón "unha grande responsabilidade polo cariño que, desde a terra dos meus avós, estou a recibir", destacando que "é un orgullo ser fillo adoptivo dunha terra que forma parte da miña vida, polo vivido nela e porque sei do agarimo que a miña familia lle tiña e lle ten. Na miña casa, falar de Esgos, sentir esta terra, é un ritual".
O alcalde de Esgos, Mario Rodríguez, entregoulle a Bieito Romero o pergamiño acreditativo do nomeamento e unha figura en bronce que representa a espadana do mosteiro de Rocas, remarcando "a importancia deste día tan especial para o noso municipio".
Foto: D. OU.
Infogauda / Esgos (Ourense)
O fundador e membro do grupo folk Luar Na Lubre, Bieito Romero, recibiu hoxe no mosteiro de San Pedro de Rocas o nomeamento de Fillo Adoptivo do Concello de Esgos, un acto no que o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, definiu ao galardoado como un dos máximos expoñentes da música galega. "Falar de Bieito Romero é falar de Luar Na Lubre, a súa gran aportación á cultura con maiúsculas", e salientou "o seu labor a prol da universalidade da nosa música".
O presidente do goberno provincial dixo que Romero "é merecente da máis alta distinción de Esgos por ser un auténtico trobador do noso e un destacado investigador; pero por riba de todo unha persoa orgullosa das súas raíces, da Ribeira Sacra, e da fonda pegada que ten na súa vida a pertenza a estas terras".
Manuel Baltar detallou a ampla biografía de Bieito Romero, "un xigante do folk", subliñando: "Tiven a fortuna de coñecelo co gallo da presentación do filme "Un bosque de música", no Lincoln Center de Nova York, onde o noso homenaxeado foi protagonista, xunto co seu grupo, dun evento único e especial". Baltar destacou os 33 anos de traxectoria musical de Bieito Romero, unha carreira na que compuxo máis de 250 temas -bandas sonoras de películas incluídas-, e que ofreceu con Luar Na Lubre máis de 1.500 concertos en máis de 30 países. Tamén citou o presidente os dous discos de ouro consecutivos que acadou; os máis de 400.000 discos vendidos e as colaboracións que fixo con artistas como Mike Oldfield, Pablo Milanés, Luz Casal, Pat Kilbride ou Víctor Manuel".
"Un orgullo coñecer e tratar a esta estrela da música folk", afirmou Baltar, quen remarcou , ademais dos vencellos que se aprecian en algúns dos seus traballos con Celso Emilio Ferreiro, García Lorca, Che Guevara e mesmo con momentos medioambientais como a catástrofe do Prestige, o labor que desenvolveu "falando do corazón de Esgos, co seu álbum "Ribeira Sacra", que é unha homenaxe á nosa terra, a banda sonora da nosa patria de Esgos", destacou Baltar, engadindo que esta é "unha das moitas razóns que fan a Bieito merecente desta altísima distinción. E remarcou: "Grazas, Bieito, por ese "Que viva Esgos!", un tema que podía perfectamente, para min xa o é, ser o himno oficial do noso concello".
Pola súa banda, o líder de Luar Na Lubre agradeceu o nomeamento afirmando que supón "unha grande responsabilidade polo cariño que desde a terra dos meus avós estou a recibir", destacando que "é un orgullo ser fillo adoptivo dunha terra que forma parte da miña vida polo vivido nela e porque sei do agarimo que a miña familia lle tiña e lle ten. Na miña casa, falar de Esgos, sentir esta terra, é un ritual".
"Esgos –expresou Romero- é terra de boa xente, moita dela que emigrou polo mundo levando consigo as marabillas deste lugar cheo de historia e de historias, como a que encerra este impresionante mosteiro de San Pedro de Rocas e a súa maxia; e aquí precisamente xestamos o noso último traballo de Luar Na Lubre, "Ribeira Sacra", pola forza que, entendíamos, tiña este lugar". Tamén lembrou que desde que saíu á luz este traballo levan realizado máis de cen concertos por toda España e por Chile, Arxentina, Reino Unido, Bélxica e Portugal. "A xente enche os teatros, entusiasmada -comentou-, para oír as historias que lles contamos sobre a Ribeira Sacra, sempre desde a perspectiva do que sente o noso corazón e do que ven os nosos ollos".
Sobre o concerto que ofrecería Luar Na Lubre esta tarde ás 18.00 horas, no mosteiro de Rocas Bieito Romero dixo que "é algo co que estamos moi ilusionados, porque o feito de poder tocar aquí é moi especial para o grupo, e para min, moi ilusionante", e rematou reiterando o agradecemento ao presidente da Deputación de Ourense e ao alcalde de Esgos por este recoñecemento, "que levarei por onde a vida me leve, co máximo respecto, orgullo e ilusión".
No acto, o alcalde de Esgos, Mario Rodríguez, entregoulle a Bieito Romero o pergamiño e a certificación plenaria acreditativos do nomeamento, e unha figura en bronce que representa a famosa espadana do mosteiro de Rocas, remarcando "a importancia deste día tan especial para o noso municipio". Trala laudatio de Manuel Baltar ao galardoado deuse lectura da acta de outorgamento da distinción -a cargo de Camilo Rodríguez, instrutor do expediente-, e, de seguido, interviron Bieito Romero e o alcalde de Esgos. O grupo Luar Na Lubre interpretou como remate dous temas do seu repertorio e o Himno do Antergo Reino de Galicia.
Ningún comentario:
Publicar un comentario