24 de set. de 2019

OIA

O Concello de Oia organiza un obradoiro de autoestima e empoderamento feminino  

Desenvolverase os martes entre o 1 de outubro e o 17 de decembro en Torroña e Loureza  

As interesadas poden inscribirse no Concello ata o 29 de setembro. As prazas son limitadas   



Infogauda / Oia

 O Concello de Oia organiza un obradoiro de empoderamento feminino, unha iniciativa que comezará o próximo mes de outubro co obxectivo de favorecer o autocoñecemento e autoanálise das mulleres, a mellora da súa autoestima e o fomento da súa motivación.  

 Este obradoiro desenvolverá un total de 12 sesións, a celebrar nos lugares de Torroña e Loureza. Desenvolverase os martes entre o 1 de outubro e o 17 de decembro en horario de tarde (de 16:00 a 17:15h. nas Escolas de Torroña e de 17:45 a 19:00h. na Abadía de Loureza).  

 O programa incluirá contidos como a análise e reflexión arredor da imaxe que cada muller ten de si mesma, tanto no físico como no emocional; a definición de metas persoais e a identificación de barreiras que limitan ou condicionan esas metas.  

 Tamén abordará a independencia na toma de decisións, a comunicación asertiva e a empatía, o autocoidado físico para o benestar emocional, a procura de espazo e tempo para unha mesma e os beneficios do empoderamento feminino.   

Actividade gratuíta  

 Esta iniciativa desenvolverase de xeito gratuíto, organizada polo Concello de Oia e co financiamento do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.  

 As mulleres interesadas en asistir a este obradoiro poderán inscribirse no rexistro do Concello (teléfono 986 362 125) ata o 29 de setembro. As prazas son limitadas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario