20 de set. de 2019

LABORAL

O comité de Vitrasa convocará protestas se empresa e Concello non solucionan os problemas pendentes dende hai un ano 

 Hai un ano dende o comité de empresa de Vitrasa, concesionaria do servizo de transporte urbano de Vigo, realizamos unha serie de reivindicacións en materia de réxime de traballo e descansos na xornada, horas extra, eventualidade, recadación, plan de igualdade, uniformidade, subrogación, baños, etc. Naquel momento expúxose a necesidade dunha solución inmediata, xa que do contrario convocariamos paros e mesmo unha folga indefinida. Entón Vitrasa adquiriu unha serie de compromisos, que un ano despois, non se cumpriron, polo que dende a representación dos traballadores/as anunciamos que adoptaremos medidas de presión no caso de que empresa e Concello continúen sen solucionar estas problemáticas. 

 A día de hoxe as principais reivindicacións seguen sen solución, ao que hai que engadir problemática xurdida durante estes meses e que vemos que Vitrasa non ten intención de solucionar. En outubro de 2018 a dirección comprometeuse de maneira inmediata a solucionar os problemas derivados dos atrasos ocasionados por obras e a realizar unha remodelación dos tempos de percorrido, ademais de a asegurar descansos para os condutores/as en todas as liñas. 

 Ao mesmo tempo, seguimos a ter un serio problema coa eventualidade; a pesar de que o ano pasado se realizaron contratacións de persoal indefinido, o persoal de Vitrasa realiza horas extra suficientes para contratar polo menos a 30 condutores/as, postos que reiteradamente se van cubrindo con persoal eventual en rotación, tendo a estes traballadores/as contratados/as durante seis meses e mandándoos á casa por espazo dun ano para evitar facelos/as fixos/as e contratando no seu lugar novos/as eventuais. 

 Así mesmo, a estes/as traballadores/as non se lles respecta a orde de antigüidade na empresa á hora de volver contratalos/as, co que se lles forza a realizar todos os mandatos requiridos (horas extra, traballar descansos, servizos especiais, etc.) para sobresaír por encima do resto e ser os primeiros/as á hora de volver na seguinte contratación. 

 En canto á problemática na recadación, se anteriormente botabamos de menos unhas máquinas de cálculo, unha vez instaladas atopámonos con problemas de diferenzas nas cantidades que se ingresan, ademais en caso de non estar de acordo co cálculo non temos posibilidade de anular a operación e recuperar o ingresado, debendo aceptar a operación e realizando unha reclamación por escrito que ás veces se ten en conta e outras non. 

 Outras melloras recollidas na actual negociación seguen tamén á espera de aprobación. O plan de igualdade caducou en 2014, polo que levamos cinco anos agradando por novas melloras. O único que se logrou neste punto foi elevar aos 12 anos a idade dos fillos/as para poder solicitar unha quenda concreta de vacacións. 

 A roupa de traballo segue a xerar problemas, xa que a pesar de cambiar o tecido nunhas pezas, este non é do agrado de gran parte do persoal, provocando sudoración excesiva, erupcións cutáneas, etc. No referente aos baños, unicamente se colocou un váter químico nunha cabeceira de liña, a pesar das promesas de solución deste problema. 

Responsabilidade do Concello 

 Neste punto debemos facer partícipe o Concello de Vigo, que no seu día se comprometeu á colocación de polo menos unha decena de baños nos puntos máis necesarios, para, na próxima concesión esixirlle á empresa entrante a colocación no resto de lugares necesarios. A día de hoxe non temos noticias pola súa banda. A estas promesas incumpridas polo Concello debemos sumar a falta de resposta a posteriores solicitudes realizadas. 

 Un novo gran problema ao que nos enfrontamos é o rexistro diario de xornada ordenado a inicios de verán polo Goberno central. Vitrasa nega a posibilidade de cobrar o tempo traballado de máis aos traballadores/ as da quenda de mañá no caso de que atrasen na entrega do servizo ao traballador/a de tarde. 

 Así mesmo, o persoal que pola noite termine o servizo atrasado ten que solicitar por escrito o abono dese tempo traballado de máis a pesar de quedar reflectida a hora nun computador do persoal de inspección. A isto hai que sumar a inexistencia de servizo de transporte do persoal en horas nos que o servizo público de transporte non é regular, o que obriga a ter que utilizar o noso transporte privado, o que nunha empresa de transporte público resulta incomprensible. 

 A todos estes problemas sen solución engádense pequenas discrepancias operacionais internas que fan máis difícil o día a día, e que a pesar de levar meses tentando solucionar Vitrasa limítase a negar a posibilidade de realización. O único que fai é derivar dunhas comisións de traballo a outras os diferentes problemas e o resultado é que estes seguen sen solución. 

 Tamén queremos deixar constancia da preocupación que nos causa o novo carril bici que está a incorporar o Concello de Vigo, en concreto nas zonas de Camelias, Pizarro e Travesía de Vigo, onde autobuses e bicicletas comparten circulación, xa que entendemos que as medidas de seguridade no seu trazado son escasas. Sobre este tema remitímoslle escritos tanto ao Concello de Vigo como á empresa, e estamos á espera dunha resposta. 

 Dende o comité de empresa emprazamos a Vitrasa a unha solución inmediata destas problemáticas, ou do contrario retomaremos as medidas de presión suspendidas hai un ano. A cidadanía debe entender a paciencia que tivemos en todo este tempo, aguantando promesas e desculpámonos por adiantado polas posibles molestias que lles poidan causar as accións que nos vexamos obrigados/as a realizar co fin de poder desenvolver o noso labor cun mínimo de dignidade e garantías de calidade de servizo, tanto para traballadores/as como para usuarios/as.

COMITÉ DE EMPRESA DE VITRASA 
Vigo, 20/09/2019

Ningún comentario:

Publicar un comentario