O presidente da Xunta de Galicia recibiu esta tarde aos piragüistas galegos participantes en competicións internacionais
Feijóo enxalza a traxectoria do piragüismo galego e destaca que a axuda da Xunta á federación alcanza o máximo histórico e representa un 30% máis que en 2018
Destaca que a Comunidade pode presumir de ter 80 padexeiros e padexeiras remando neste verán nas competicións internacionais de todo o mundo
Asevera que o Goberno galego seguirá comprometido con este deporte como mostra o feito de que nos últimos 10 anos se destinasen máis de 7 millóns ao piragüismo galego
Feixóo, durante a recepción aos padexeiros e ás padexeiras na Cidade da Cultura
Foto: X.G.
Infogauda / Santiago de Compostela
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, enxalzou hoxe a traxectoria do piragüismo galego e resaltou que a axuda da Xunta de Galicia á federación alcanza o máximo histórico e representa un 30% máis que en 2018.
Durante a recepción esta tarde aos piragüistas galegos participantes en competicións internacionais, na que tamén participou o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, Feijóo subliñou que a Comunidade pode presumir de ter 80 padexeiros e padexeiras remando neste verán nas competicións internacionais de todo o mundo: en pista, maratón, slalom, augas bravas e kaiak-polo e en todas as categorías (júnior, sub-23 e sénior).
“Se hai algo que todos teñen en común é o seu talento, o seu esforzo e a súa paixón pola piragua, que lles permite superar os momentos difíciles que caracterizan a calquera deporte de elite”, dixo, destacando entre todos eles aos 14 medallistas: Carla Frieiro (Bronce K1 200 no Mundial Pista de Romanía); Tania Álvarez e Tania Fernández (Prata K2 no Europeo Maratón en Francia); Manuel Antonio Campos (Ouro C1 e Bronce C2 no Europeo de Maratón en Francia); Diego Romero (Bronce C2 Europeo de Maratón en Francia); Julián Becerra e Miguel Fernández (Bronce C2 no Europeo de Maratón en Francia); Manuel Ochoa (Bronce Patrullas no Mundial de Polonia); Gabriel Martínez Pachón (Bronce K1 200 no Mundial Pista de Romanía); Pedro Vázquez (Prata K2 500 no Mundial Pista en Hungría); Pablo Graña (Ouro C2 200 no Mundial Pista en Hungría e Prata C1 200 no Mundial Pista de Romanía); Carlos Arévalo (Prata K4 500 no Mundial Pista en Hungría); Rodrigo Germade (Prata K4 500 no Mundial Pista en Hungría); e Teresa Portela (Bronce K1 200 no Mundial Pista en Hungría).
“Estamos a falar de 14 padexeiros e padexeiras que viron cumprido o soño de subirse a un banzo dun podio internacional, moitos deles por enésima vez e algúns deles co premio engadido de obter unha praza olímpica para Toquio 2020, como é o caso de Carlos Arévalo, Rodrigo Germade e a gran Teresa Portela, que acudirá aos seus sextos Xogos Olímpicos”, engadiu, recordando que ela e David Cal, o mellor deportista olímpico español, son probablemente os líderes dos éxitos dos piragüistas galegos e españois.
Ao longo da súa intervención, Feijóo aseverou que o Goberno galego seguirá comprometido con este deporte como mostra o feito de que o orzamento que destina a Xunta á federación chegue ao medio millón de euros, e que nos últimos 10 anos se destinasen máis de 7 millóns ao piragüismo galego. Ademais das axudas directas aos clubs.
Feijóo concluíu subliñando que as licencias deportivas de piragüismo na Comunidade medraron un 57% desde 2009, pasando de 2.763 a 4.326; que Galicia é a autonomía con máis licencias e con máis clubs (62), e congratulouse de que nos últimos dous anos -2017 e 2018- os piragüistas galegos acadaron un total de máis de medio centenar de medallas en europeos e mundiais.
Ningún comentario:
Publicar un comentario