Relatorio de Amelia Tiganus sobre Violencia Sexual Comercial
Tamén será proxectada Lurna, curta dirixida por Nani Matos
O día 13 de setembro, ás 20:00 horas, no Centro Cultural
Infogauda / A Guarda
O vindeiro venres día 13 de setembro ás 20:00 horas, o Centro Cultural acollerá un relatorio sobre Violencia Sexual Comercial, a cargo de Amelia Tiganus e no que colabora o CIM (Centro de Información á Muller) da Guarda.
A relatora tratará sobre os avances e retos de futuro na loita contra a trata e explotación sexual de mulleres e nenas. En tempos de globalización e neoliberalismo, a explotación da sexualidade feminina convertiuse nunha industria, unha das máis puxantes a nivel mundial. A cuarta onda do feminismo ten no centro da súa axenda a violencia sexual incluíndo dentro da mesma a prostitución e a pornografía.
Tendo ese marco presente, no relatorio, Amelia Tiganus combinará a teoría feminista e o marco legal, cunha análise crítica desde a experiencia vivida e sentida. Desgranará os intereses xeopolíticos que hai ao redor de legalizar a trata con fins de explotación sexual en España, deixando ao descuberto todos os actores do sistema prostitucional, e analizará o papel da demanda no mantemento da explotación sexual de mulleres e nenas.
Os obxectivos deste relatorio son (re)pensar sobre a implicación e tolerancia social que existe ao redor da mercantilización do corpo das mulleres e nenas e as graves consecuencias que supoñen sobre a saúde física e psicolóxica das mesmas, así como identificar e incluír nos debates aos demais actores que inflúen e pechan o círculo desta realidade. E, como parte adxacente a isto, analizar a importancia da coeducación e dos valores transmitidos a través da ensinanza e dos modelos familiares, culturais, sociais e políticos. Contaremos co relato de quen convertiu a loita feminista no sentido da súa vida despois de ter sido vítima de trata e explotada sexualmente durante cinco años nos prostíbulos españoles. Coraxe, empoderamento, resiliencia e militancia feminista: claves para converterse en suxeito político.
“Son unha privilexiada por moitas razóns pero principalmente por poder pensar. Pensar paréceme un acto de rebeldía. Algo tan humano como iso foime arrebatado -como a moitas mulleres- a través da violencia simbólica, a violencia psicolóxica, a violencia física, a violencia económica, a violencia sexual, a violencia institucional, a violencia sociocultural... As putas somos atravesadas por todas as violencias. Puiden despertar de aquela sensación de estar morta en vida o día que descubrín que a miña historia non era algo persoal senon a historia de moitas mulleres; a historia de mulleres que o patriarcado pon a disposición dos homes de maneira pública. E empecei a pensar, a indagar, a encontrar respostas, a perder o medo e a vergonza e a sentirme na obriga ética de actuar. Porque eu puiden saír dese campo de concentración que é a prostitución pero millóns de mulleres siguen alí, sufrindo a pérda de identidade, a tortura física e psicolóxica, o medo, o descoñecemento, o silencio, a indiferencia, o esquecemento e o desamparo do Estado proxeneta e da sociedade cómplice”, afirma Amelia Tiganus.
Sobre Amelia

Foi coordinadora en Feminicidio.net durante tres anos e recibiu varios premios e recoñecementos ao seu labor en pro dos dereitos humanos das mulleres e as nenas. Nos últimos tres anos impartiu máis de 150 relatorios, charlas e obradoiros por todo o territorio español e tamén en Arxentina e Alemaña.
Das súas varias aparicións en televisión, destaca Salvados – Las invisibles, un programa de máxima audiencia da Sexta - onde foi entrevistada en profundidade polo xornalista Jordi Évole. Tiganus deixa claro que: “Non podemos falar de igualdade entre homes e mulleres, nin de xustiza social, nin da sociedade do bo trato mentres exista unha soa muller no mundo explotada sexualmente”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario