14 de ago. de 2019

PONTEVEDRA

A Deputación de Pontevedra súmase á campaña internacional Breath Life, Respira a Vida  

Segue os pasos do País Vasco e Cataluña integrándose na iniciativa que parte da OMS, da ONU e da Coalición Clima e Aire Limpo para loitar contra "o asasino invisible": a contaminación atmosférica


A iniciativa "Breath Life" foi presentada por Carmela Silva, acompañada da deputada delegada de Transición Ecolóxica, Medio Ambiente, Arquitectura e Proxectos Europeos, Iria Lamas
Foto: D. PO.
 
Infogauda  / Pontevedra

  A Deputación de Pontevedra adheriuse á campaña da Organización Mundial da Saúde, Nacións Unidas e a Coalición Clima e Aire Limpo que se coñece internacionalmente como "Breath Life" e que en España denominouse "Respira a Vida". A entidade que preside Carmela Silva convértese, deste xeito, na terceira representante institucional española en sumarse a un proxecto no que, a día de hoxe, só participan o País Vasco e Cataluña. E para elo asume os obxectivos da campaña: involucrarse no cumprimento das directrices da OMS sobre calidade do aire para o ano 2030, reducir á metade o número de mortes relacionadas coa contaminación atmosférica no ano 2030 e reducir o ritmo do cambio climático en 0,5 graos para o ano 2050.  

 A iniciativa "Breath Life" foi presentada por Carmela Silva, acompañada da deputada delegada de Transición Ecolóxica, Medio Ambiente, Arquitectura e Proxectos Europeos, Iria Lamas. Silva destacou que a contaminación atmosférica, "o asasino invisible", causa 7 millóns de mortes ao ano no mundo e 10.000 en España, "máis que os accidentes de tráfico". Fixo, por tanto, un chamado á concienciación da sociedade contra unha lacra que ataca especialmente ás persoas maiores e tamén ás máis cativas: "ás avoas e avós; ás netas e netos con asma". "Somos unha institución que se compromete coa vida da xente e que, dende o local, quere ser actor protagonista", remarcou. A Deputación de Pontevedra ten fixado para este novo mandato municipal como unha das súas liñas transversais o medio ambiente cara a transición ecolóxica, polo que esta iniciativa encaixa perfectamente na súa "folla de ruta" e nos intereses xerais da provincia. Carmela Silva subliñou tamén que a participación neste proxecto internacional contribúe a situar á Deputación nunha posición máis competitiva para captar fondos europeos no marco da Axenda Urbana 2030.  

 As medidas clave a desenvolver pola Deputación no marco do pacto "Breath Life" encádranse no sector do Transporte, Xestión de Residuos, Abastecemento de Enerxía e Alimentación e van ter un impacto directo positivo en sectores estratéxicos como o turismo ou o sector primario (vitivinícola e agrario). No eido do Transporte xa están en marcha medidas como o Plan Móvese para reducir a velocidade en zonas urbanas ou o Plan DepoRemse para incrementar a seguridade viaria en centros de elevada atracción urbana. Na Xestión de Residuos, a Deputación continúa impulsando o Plan Revitaliza, que converteu á provincia nun referente na aposta pola compostaxe dos residuos sólidos urbanos, ou Proxecto ESTRAEE, para a xestión de aparellos eléctricos electrónicos, financiada polo programa operativo Interreg POCTEP España-Portugal dos fondos Feder. Amais, presentou proxectos para captar fondos Life (Programa de Medio Ambiente e Acción polo Clima 2014-2020) para poñer en marcha as iniciativas Life CircWEEE (recuperación de residuos de equipos eléctricos, electrónicos, baterías, acumuladores e compoñentes) e Life DeAgua (tratamentos de augas residuais mediante sistemas naturais en zonas rurais).  

 No ámbito do Abastecemento de Enerxía, xa están en marcha cinco liñas de apoio aos concellos para o cambio da súa iluminación exterior á tecnoloxía led (programa operativo Feder de Crecemento Sustentable 2014-2020), así como outra liña para a iluminación sostible dos elementos catalogados como Bens de Interese Cultural e un programa de substitución de caldeiras de gasóleo por equipos de biomasa.  

 Finalmente, no sector da Alimentación e Agricultura, a Deputación impulsa convenios para a redución do uso de pesticidas no ámbito do cultivo da mazá e a produción de leite ecolóxico. Tamén desenvolve o proxecto DepoVerde para producións hortofrutícolas e apícolas en espazos naturais protexidos, o proxecto DepoApicultura para o fomento da apicultura sustentable e o DepoFroitos, para o cultivo ecolóxico de froitos de bosque. Os programas SICOM (encadrado no proxecto europeo Life Viñas Atlánticas) para reducir os fitosanitarios, o estudo e asesoramento sobre o impacto do cambio climático no sector vinícola, o desenvolvemento de sistemas de teledetección para o cálculo das áreas afectadas por incendios forestais, os estudos para a mellora forestal e a creación dos parques forestais, completan as actuacións neste ámbito.

Ningún comentario:

Publicar un comentario