María Ortega: "as mulleres sufriron un maltrato máis duro que os homes tras o alzamento fascista. Tiveron unha dobre represión"
A deputada de Memoria Histórica María Ortega inaugurou onte en Poio a mostra ‘Rexas', coa que a Deputación recoñece e dignifica as figuras das mulleres resistentes e solidarias despois do 36
Na inauguración da mostra, ademais de María Ortega estiveron tamén presentes o alcalde de Poio Nito Sobral, a concelleira de Memoria Histórica Raquel Rodríguez, o deputado Gregorio Agís, acompañados pola filla de Alexandre Bóveda, Amalia, e o seu neto Valentín
Foto: D. PO.
Infogauda / Poio
´Rexas. Mulleres baixo o terror franquista', a mostra coa que a Deputación de Pontevedra está a percorrer a provincia para recoñecer e dignificar as figuras das mulleres represaliadas, resistentes e solidarias tras o alzamento fascista de 1936, abriuse onte no Casal de Ferreirós en Poio, onde seguirá aberta ata o vindeiro 24 de agosto.
A deputada provincial de Memoria Histórica e organizadora do evento, a nacionalista María Ortega, manifestou a súa satisfacción por comezar a súa traxectoria pública dentro da Deputación cun acto de memoria, cuestión que segundo dixo "é fundamental manter nun primeiro plano" dende as institucións por xustiza e por reparar e dignificar ás persoas perseguidas, asasinadas, encarceradas e represaliadas.
Ortega subliñou que ‘Rexas' pon o foco nas mulleres que, pola súa condición, sufriron unha dobre represión. "Elas sufriron un maltrato moito máis duro que os seus homes tras o alzamento, xa que ademais de soportar os asasinatos das súas persoas máis achegadas, o réxime tamén as castigou sen poder choralas", dixo, para engadir que non só se buscaba e castigaba ás mulleres significadas política ou sindicalmente, senón tamén ás familiares de homes perseguidos, que foron vexadas degradándoas con actos de corte sexista.
Así mesmo, a deputada destacou que Poio ten en A Caeira un lugar de loito, un lugar de memoria e resistencia, facendo referencia á foto incluída na exposición na que Cinta Rey, a nai de Vítor Casas, posa abrazada á arbore onde fora asasinado o fillo xunto a outros nove republicanos o 12 de novembro. Tamén lembrou que esa foto fora tirada por Amalia, a muller de Alexandre Bóveda, quen arrincou as cascas dese piñeiro onde fora fusilado seu home o 17 de agosto e gardounas para sempre.
Na inauguración da mostra, ademais de María Ortega estiveron tamén presentes o alcalde de Poio Nito Sobral, a concelleira de Memoria Histórica Raquel Rodríguez, o deputado Gregorio Agís, acompañados pola filla de Alexandre Bóveda, Amalia, e o seu neto Valentín. A comisaria da exposición, Montse Fajardo, realizou despois da inauguración un relatorio sobre ‘A represión das mulleres tras o golpe de Estado do 36'.
172 nomes de mulleres
A mostra "Rexas, mulleres baixo o terror franquista" chega ao Casal de Ferreirós despois dun longo percorrido pola provincia da man da Deputación de Pontevedra, xa que Poio un concello de referencia obrigada á hora de falar de represión na comarca de Pontevedra pois foi A Caeira o lugar dos primeiros fusilamentos.
Tal e como mencionou a deputada, a fotografía de Cinta abrazada ao piñeiro da Caeira é unha das 80 imaxes recollidas na mostra, que ten como obxectivo relatar, a través de 172 nomes de pontevedresas, as tipoloxías de represión infrinxidas polo franquismo ás mulleres, mais tamén o protagonismo que elas tiveron na resistencia e na transmisión da memoria. A foto de Cinta é unha das que compoñen o panel que homenaxea a todas as mulleres que, contra o relato oficial do franquismo, gardaron e transmitiron o que realmente aconteceu, e nel tamén se pode ver á filla de Amalia e Alexandre, Amalia Bóveda, tan fondamente vinculada a Poio, nun acto en memoria do seu pai, asasinado seis meses antes de que ela nacese. Ou a reprodución da carta que este lle mandou á súa muller, Amalia Álvarez, Choliña para el, pouco antes de ser fusilado.
O protagonismo de Poio e en xeral da comarca de Pontevedra en Rexas é máis que evidente. Percorrer os nomes da contorna que aparecen nos doce paneis que compoñen a mostra, permitirían coñecer todas as tipoloxías que se contan. Nela están, por exemplo, Elvira Lodeiro e Consuelo Acuña, fusiladas en decembro de 1936 tras ser detidas por agochar fuxidos en Salcedo; Josefina Arruti, presa por ser a esposa do primeiro alcalde republicano da cidade, Bibiano Fernández Osorio Tafall, ou Custodia Gama, detida, rapada e obrigada a varrer as rúas da capital cun cartel que puña Comunista colgado do peito e as costas. Tamén hai fotos de veciñas da zona exiliadas como Mercedes Magdalena, ou de mestras depuradas como Dolores Cea.
Para Rexas é importante ademais destacar a mulleres como a propia Amalia Álvarez que non sufriron directamente a violencia pero que, sen dúbida foron vítimas, pois a súa vida cambiou tras o asasinato do home. Elas protagonizan o panel "Sobreviventes" no que, entre outras aparece Hermosinda Lamoso, veciña de Vilaboa que tivo que sacar adiante á familia logo de que o seu home, o veciño de Salcedo Abelardo Sobral fose asasinado polos fascistas. Nin sequera puido declararse viúva pois o seu corpo nunca apareceu. Segundo a memoria oral foi arroxado á ría.
En total, "Rexas" contén doce paneis nos que se fala de 172 mulleres, 90 delas incluídas en 80 imaxes. Da comarca de Pontevedra, son 24. Outras 43 proceden da comarca de Vigo,30 do Deza-Tabeirós,26 do Morrazo,25 do Salnés,11 do Baixo Miño, 7 de Caldas e 6 do Condado-Paradanta.
Ningún comentario:
Publicar un comentario