21 de ago. de 2019

O PORRIÑO

A Deputación de Pontevedra ultima as obras das novas e modernas instalacións de atletismo no Porriño nas que inviste un millón de euros  

O deputado Santos Héctor visitou hoxe as obras, que inclúen unha zona cuberta cunha recta de seis rúas de 60 metros e unha pista descuberta de 200 metros "cun firme que se está a implantar agora mesmo dos mellores do mundo"

O deputado de Cooperación Santos Héctor - terceiro pola esquerda -, xunto ás deputadas Victoria Alonso e Iria Lamas, e o concelleiro de Deportes do Porriño, David Alonso
Foto: D. PO.

Infogauda / O Porriño

  O concello do Porriño contará nas próximas semanas co novo e moderno equipamento deportivo para a práctica do atletismo, que financia ao cen por cen a Deputación de Pontevedra ao abeiro do Plan Reequilibrio (800.000 euros) e o Plan Concellos (200.000). As obras, que hoxe visitou o deputado de Cooperación Santos Héctor, xunto ás deputadas Victoria Alonso e Iria Lamas, e o concelleiro de Deportes do Porriño, David Alonso, consisten principalmente na execución dun módulo cuberto cunha recta de seis rúas de 60 metros de lonxitude, onde tamén se instalará o equipamento para a práctica de salto de altura e lanzamento de disco, e unha pista descuberta de 200 metros.  

 Santos Héctor, que comezou a súa intervención desexando una pronta recuperación á alcaldesa Eva García de la Torre -que sufriu hoxe un accidente de tráfico e non puido estar presente no acto- subliñou que as instalacións deste novo equipamento deportivo e social "son extraordinarias" para a práctica do atletismo e, neste senso, indicou que os materiais que se están a empregar "son os mellores e máis novidosos". "Son unhas pistas extraordinarias que veñen cubrir as necesidades da veciñanza. Os veciños e veciñas, máis alá de onde vivan, apuntou, teñen dereito a ter instalacións dignas e no caso do Porriño sobre todo tendo en conta das que partiamos con medio foso ao lado do campo de fútbol, non eran para nada as que se merece un concello". Recordou así mesmo o deputado que o deporte "se está a configurar como unha das revolucións do século XXI; creo que nunca houbo tanta participación da cidadanía en todo tipo de deportes e, máis, no atletismo".  Pola súa banda concelleiro de Deportes do Porriño, David Alonso, corroborou que estas instalacións "son moi necesarias para todos os veciños e veciñas, sobre todo para as persoas que practican o atletismo, ou o triatlón, que aquí ten un gran volume de licencias". Subliñou tamén que a nova instalación permitirá "que os nenos e nenas pequenos practiquen a súa modalidade deportiva a cuberto e creo que é unha instalación que non hai nada parecido a nivel galego". "Nunca estaremos suficientemente agradecidos por esta instalación", remachou.  

 No mandato anterior, o concello de O Porriño recibiu máis de 7 millóns de euros da Deputación de Pontevedra, o maior investimento da institución provincial neste concello. Nos últimos catro anos, coa Liña 1 do Plan Concellos, O Porriño puido financiar un total de 23 obras por case 2,5 millóns de euros e, coa Liña 3 de Emprego, puido contratar a un total de 147 persoas desempregadas para traballar no concello.  

 Neste ano, ao abeiro do Plan Concellos, a Deputación inviste no Porriño 1.132.222,96 euros, un 3,22% máis que en 2018.

Ningún comentario:

Publicar un comentario