12 de xul. de 2019

A GUARDA

"O mar para todos" brindou a oportunidade de navegar a 80 persoas con discapacidade no  Encontro da Guarda  

• En poucas horas esgotáronse as prazas previstas pola organización. O  Encontro, que é bianual, acolle esta actividade inclusiva desde o ano 2013 e na súa organización contan coa colaboración de asociacións de persoas con discapacidade locais. 

• Alumnos de Primaria achegáronse pola mañá ao porto guardés para ver o  volanteiro de  Piueiro e  participar en diferentes talleres e  obradoiros relacionados co mundo do mar. 

• O Auditorio San Bieito acolleu un festival músico-poético de Galicia e Portugal. 
  

Joaquín Cadilla Castro, presidente de Piueiro, e Celso Rodríguez Fariñas, na presentación da publicación poética Río Mar poesía

Mar Bermúdez / A Guarda

 Foi no Encontro celebrado hai agora unha década na localidade coruñesa de Muros cando a xunta directiva de Culturmar decidiu que na festa de ensalzamiento do patrimonio cultural marítimo galego deberían poder participar todas as persoas que o desexasen, sen problema de barreiras. Desta forma incluíronse, por vez primeira, diversas actividades en terra para persoas con discapacidade. Uns anos máis tarde, na edición de 2013 no porto de Freixo, incorporouse ao programa a navegación inclusiva, que hoxe en día é unha das actividades estrela en todos os encontros de embarcacións tradicionais. 


80 persoas con discapacidade, a bordo de varios barcos a vela, gozaron dunha inesquecible viaxe de aproximadamente dúas horas, cunha mar calma e un tempo espectacular


 Esta mañá, na Guarda, as prazas reservadas dentro do programa "O mar para todos" esgotáronse enseguida e foron 80 as persoas con discapacidade que gozaron dunha inesquecible viaxe de aproximadamente dúas horas, cunha mar calma e un tempo espectacular.  

 No evento colaboraron, ademais de voluntarios de Culturmar, Piueiro e das asociacións San Xerome Emiliani, Avelaíña e Vontade/Sen Amarras, os   patróns e tripulacións dalgúns dos barcos participantes no Encontro, que aseguraron que é unha satisfacción poder brindar esta oportunidade a persoas que non teñen fácil o acceso a este tipo de saídas.

O oficio das atadeiras de redes ou redeiras, ainda está presente no porto de A Guarda

 Mentres isto sucedía nunha punta do porto, na outra, 50 nenos de Primaria achegábanse ata o volanteiro de  Piueiro, ao que accederon, a través dunha plataforma construída para a ocasión, para ver por dentro a embarcación que construíu a Asociación  Piueiro con motivo do  Encontro e grazas á achega de numerosas empresas e particulares. 

 Tamén pola mañá tivo lugar a presentación do poemario "Río Mar poesía", a cargo de varios autores galegos e portugueses. A publicación, cuxa lectura foi seguida por numeroso público, conta así mesmo con ilustracións de varios pintores como Emilio Baz, Antonio Martínez "Cachi", Ignacio Martínez (Naa), Rosa Portela ou Gemma Marqués, entre outros. 

 Xa pola tarde, e antes dos concertos de Nadia Vázquez Trío e María do  Ceo coa Banda de Música Agrupación Musical de A Guarda, tivo lugar un festival músico-poético galego-portugués, e a presentación do  Museu  Maritim de Mallorca, de recente creación, a cargo do seu xerente, Albert  Forés i  Gomez. Froito do traballo que realizaron desde a súa constitución é, por exemplo, o primeiro decálogo de boas prácticas relacionadas co mar e que abarca aspectos como a biodiversidade, o patrimonio material e inmaterial ou as diferentes tipoloxías de embarcacións ou a linguaxe pesqueira.  

 Por outra banda, este sábado terá lugar un bautismo de mar de novas embarcacións tradicionais, varias actuacións musicais e a presentación do novo número da revista Nova Ardentía, de Culturmar. Tamén se pode visitar a feira de artesanía,  a exposición dedicada ás mulleres no mundo do mar da Deputación de Pontevedra ou a mostra fotográfica "Vento nas velas", de Xurxo Lobato.

Ningún comentario:

Publicar un comentario