13 de xuño de 2019

REDONDELA

Valentín García participa na presentación da reedición de 'Estirpe', libro-homenaxe a Xosé Luís Méndez Ferrín  

O Concello de Redondela e Edicións Xerais de Galicia dan ao prelo unha nova edición do poemario con motivo do 25º aniversario da súa publicación, como tributo a unha das obras máis relevantes da literatura galega contemporánea e mais ao seu autor

Infogauda / Redondela

 O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou este serán na presentación da reedición de Estirpe, poemario de Xosé Luís Méndez Ferrín, publicado por primeira vez hai 25 anos. A iniciativa do Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Redondela, entidade pertencente á Rede de Dinamización Lingüística que promove a Xunta de Galicia, quere ser unha homenaxe a unha das obras máis relevantes da literatura contemporánea e, a través dela, ao seu autor. 

 Valentín García felicitou o Concello de Redondela por un acto “que difunde o libro en galego e que lle recorda á cidadanía o gran valor da literatura feita na nosa lingua propia; unha literatura que conta con figuras da relevancia de Méndez Ferrín, quen demostrou sobradamente a súa grande altura literaria tanto no eido da narrativa como no da poesía, tal e como podemos comprobar coa lectura do volume que hoxe temos a fortuna de ver reeditado”.  

 Xunto co secretario xeral de Política Lingüística interviñeron na presentación Javier Bas, alcalde de Redondela; Miguel Santalices, presidente do Parlamento de Galicia; Fran Alonso, director de Edicións Xerais de Galicia, e Xosé Luís Méndez Ferrín, autor da obra.  

 Durante o acto, Cora Represas e Silvia Penas recitaron textos de Estirpe e a cantante María do Ceo interpretou tamén un poema de Ferrín. A presentación estivo precedida pola recepción do escritor na Alcaldía e a súa sinatura no libro de ouro do Concello de Redondela. Ao finalizar, os asistentes foron agasallados cun exemplar do poemario. 

Méndez Ferrín, autor de Estirpe  

 Xosé Luís Méndez Ferrín (Ourense, 1938) -doutor en Filoloxía, catedrático de literatura no Instituto Santa Irene de Vigo ata a súa xubilación, presidente da Real Academia Galega entre o 2010 e o 2013, colaborador do Faro de Vigo e da Trabe de Ouro- foi membro do grupo literario Brais Pinto e é un dos autores máis relevantes da literatura galega actual, que mesmo chegou a figurar como candidato ao Premio Nobel de Literatura. A súa obra comprende o ensaio, a narrativa e mais a poesía e fíxoo merecente de numerosos premios, como os da Crítica Española e de Galicia, o Pedrón de Ouro ou o Otero Pedrayo.  

 Como poeta, deuse a coñecer con Voce na néboa (1957), á cal seguiron Antoloxía popular (1972), Sirventés pola destrucción de Occitania (1975), Con pólvora e magnolias (1977), Poesía enteira de Heriberto Bens (1980), O fin dun canto (1982), Erótica (1992), Estirpe (1994), O outro (2002), Contra Maquieiro (2005) ou Era na selva de Esm (2005). Con Estirpe obtivo o Premio da Crítica de poesía galega en 1994 e o Premio Losada Diéguez en 1995.

Ningún comentario:

Publicar un comentario