27 de xuño de 2019

MADRID

Aos cursos asistiron 83 profesionais pertencentes a dez colectivos sociais  

A FUNDACIÓN BARRIÉ CELEBRA HOXE NA DELEGACIÓN DA XUNTA EN MADRID O III SEMINARIO E ÚLTIMO DA EXTENSIÓN NACIONAL DO PROGRAMA FORMATIVO MÁIS SOCIAL– EDICIÓN 2019  
 

O delegado da Xunta de Galicia en Madrid José Ramón Ónega dirixe unhas palabras as persoas que acudiron ao III Seminario
Foto: Casa de Galicia

Infogauda / Madrid

 En total, máis de 80 profesionais dunha trintena de entidades do Terceiro Sector participaron nos tres seminarios do Programa Formativo Máis Social da Fundación Barrié que se celebraron na Delegación da Xunta en Madrid/Casa de Galicia desde o mes de maio. O obxectivo segue sendo o apoiar o fortalecemento das capacidades de xestión das entidades do Terceiro Sector social agora tamén no ámbito nacional, coa participación de entidades, confederacións, federacións, redes ou similares de ámbito nacional. Hoxe estase impartindo o terceiro e último seminario, que leva por título “¿Como desenvolver as túas habilidades en beneficio da túa entidade?” (Nivel avanzado), a cargo de Joan  Plans, licenciado en Psicoloxía e Programa de Desenvolvemento directivo polo  IESE, e ao que están a asistir 34 persoas de 20 entidades. 

 O delegado da Xunta de Galicia  en Madrid e director da Casa, José Ramón Ónega, saudou de novo á coordinadora de Programas de Acción Social da Fundación Barrié, Greta Fábregas; ao director académico do Programa, Carlos Cortés; e tamén a Joan  Plans, encargado de impartir os contidos do III Seminario, dándolles a todos a benvida á Casa. Como nas xornadas anteriores, Ónega dirixiulles unhas breves palabras ao alumnado e expresou os seus mellores desexos de que “o curso lles sexa moi produtivo para todos”. Pola súa banda Greta Fábregas, responsable dos programas da Fundación, manifestou a súa satisfacción por como se desenvolveron os seminarios na Casa, “Facedes honra ao nome porque realmente sentímonos na nosa propia casa. Sempre nos atopamos con todas as facilidades. Facedes un traballo estupendo e ademais con afecto e agarimo e iso non se atopa sempre, así que nós valorámolo moitísimo e  estamos moi agradecidos. De verdade que así  da gusto”. En canto ao balance do curso, Fábregas sinalou que “os datos falan”. En total, aos tres seminarios, asistiron 83 profesionais que acudiron desde Cataluña, Andalucía, Comunidade Valenciana, Castela e León, Galicia e da Comunidade de Madrid, pertencentes a dez colectivos sociais:  Transtornos do espectro Autista. Adiccións e outras prácticas de risco. Enfermidades raras, crónicas e/ou dexenerativas. Infancia e adolescencia desprotexida e/ou en conflito social. Persoas con carencia de recursos e/ou emprego. Parálise cerebral e afíns. Dano cerebral adquirido. Saúde mental. Discapacidade intelectual. E Defensa do medio. 
 
 No seminario de hoxe os contidos céntranse ao redor de “como desenvolver as habilidades en beneficio da entidade” e o obxectivo concreto é o de dotar ás persoas participantes de “ferramentas colaborativas para mellorar os resultados nas negociacións que realicen dentro e fóra da entidade. Cun enfoque transversal, proporciónanse técnicas e recursos para influír eticamente sobre a outra parte”. Por tanto aprenden a “modelar o comportamento” e a “influír sen influír”. Tamén a profundar no estilo propio de cada un e ofrecer “respostas en situacións de conflito e ver como  modulalo”. Para logralo, alternan a realización e discusión de exercicios e casos coa exposición conceptual e proxección de situacións reais nas que traballar as habilidades relacionadas con cada aspecto que desexan potenciar. Para sacar o máximo aproveitamento ao seminario, uns días antes da súa celebración os participantes prepararon unha explicación (de 5‐7 min de duración) de dúas experiencias de negociación propias (unha exitosa e outra menos exitosa), para analizalas no taller e sacar conclusións encamiñadas a mellorar o resultado obtido. Tamén repasan algúns conceptos crave sobre negociación, e tratan epígrafes como, “Dicotomías: cooperar  versus competir, intereses versus posicións. Do concepto á práctica: casos”. “A comunicación como ferramenta de traballo da negociación: estilos de comunicación”. “O conflito e a negociación: o control emocional”. “A negociación complexa: aspectos fundamentais. Negociación  integrativa  versus negociación  distributiva. Alternativas en caso de desacordo. Preparar a negociación”. “Extrapolacións á realidade: análise de experiencias de negociación”...

Ningún comentario:

Publicar un comentario