MEDIO CENTENAR DE PROFESIONAIS ACUDIRON Á DELEGACIÓN DA XUNTA EN MADRID AO “II SEGUNDO SEMINARIO DO PROGRAMA MÁS SOCIAL DA FUNDACIÓN BARRIÉ”
Os asistentes son de 25 entidades diferentes pertencentes a unha decena de colectivos relacionados co Terceiro Sector
De esq. a der.: Greta Fábregas, Pilar G. de Viedma, o delegado da Xunta en Madrid José Ramón Ónega e Carlos Cortés
Fotos: Casa de Galicia
Infogauda / Madrid
O Programa Formativo MÁS SOCIAL da Fundación Barrié celebrou na Delegación da Xunta en Madrid o “Segundo Seminario”, que leva por título “Como previr e xestionar os conflitos dentro do teu equipo ou cos teus grupos de interese (usuarios, familias, financiadores, outras entidades,…)?”; e a el acudiron case medio centenar de profesionais, (48, concretamente) de 25 entidades diferentes pertencentes a unha decena de colectivos relacionados co Terceiro Sector. Entre os asistentes atopábanse responsables de postos directivos, membros de organismos de goberno e persoal técnico.
O delegado da Xunta de Galicia en Madrid e director da Casa, José Ramón Ónega, saudou á coordinadora de Programas de Acción Social da Fundación Barrié, Greta Fábregas; ao director académico do Programa, Carlos Cortés; e tamén a Pilar García de Viedma, encargada de impartir os contidos do II Seminario, dándolles a todos a benvida á Casa. Seguidamente, dado que gran parte do alumnado asistía por primeira vez á institución galega Ónega dirixiulles unhas breves palabras nas que explicou, de forma moi resumida as funcións da Casa, e finalizou desexando que a xornada “sexa de gran aproveitamento para todos”, e “tamén para elas, pois vexo que predominan as profesionais mulleres”, xesto que agradeceron.
Medio centenar de profesionais do Terceiro Sector acudiron ao II Seminario da Fundación Barrié
Este II Seminario foi impartido por Pilar García de Viedma (Professional Certified Coach executivo e de equipos, ICF) cunha duración de 5 horas. Entre os obxectivos desta xornada estaban: Aprender a entender o conflito. Descubrir o perfil persoal e de equipo ante o conflito. Coñecer o funcionamento dun equipo ante esa situación. Obter distintos mapas e ferramentas para previr, actuar e resolver conflitos. Desenvolver habilidades para melloralos.
A metodoloxía do seminario combinou contidos cognitivos, traballo con emocións e dinámicas grupais activas. A formación foi eminentemente práctica e para sacar o máximo proveito á xornada, uns días antes da súa celebración os asistentes recibiron instrucións e varias tarefas previas.
O obxectivo desta nova edición segue sendo o apoiar o fortalecemento das capacidades de xestión das entidades do Terceiro Sector social agora no ámbito nacional, dado o éxito obtido no ámbito autonómico en Galicia, coa participación dun total de 25 entidades, confederacións, federacións, redes ou similar de toda España.
Ningún comentario:
Publicar un comentario