30 de xuño de 2019

CULTURA

Xunta de Galicia e Fundación Repsol únense para fomentar o uso do galego a través da 13ª edición do Premio de Narrativa Breve  

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, e Gonzalo Vázquez, director da Área Institucional e de Cultura da Fundación Repsol, Gonzalo Vázquez, asinaron un acordo de colaboración en materia de normalización lingüística


O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, e Gonzalo Vázquez, director da Área Institucional e de Cultura da Fundación Repsol, asinaron un acordo de colaboración en materia de normalización lingüística
Foto: X.G.

Infogauda / Galicia

 O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, e Gonzalo Vázquez, director da Área Institucional e de Cultura da Fundación Repsol, asinaron un acordo de colaboración en materia de normalización lingüística que contempla a organización conxunta da 13ª edición do Premio de Narrativa Breve Repsol 2019 para escritores en lingua galega.  

 O premio estará dotado con 12.000 euros e poderán concorrer a el todos os autores que o desexen presentando unha novela curta inédita escrita en lingua galega. O xurado estará formado por representantes das institucións asinantes hoxe, así como da Real Academia Galega, da Asociación de Escritores en Lingua Galega e da Editorial Galaxia.  

 O obxectivo deste acordo é divulgar e estender o uso do galego a todos os ámbitos da sociedade, e para iso, tanto a Xunta como a Fundación Repsol colaboran tamén no desenvolvemento e implantación do Plan de dinamización da lingua galega na mocidade, co que se pretende mostrar á xente nova a utilidade de coñecer o galego e potenciar o seu uso entre eles. O Plan incluirá medidas conducentes a incrementar a súa presenza nos espazos nos que se move a mocidade, así como a oferta de actividades e produtos en galego en áreas como o deporte, o asociacionismo, o lecer, a cultura ou o emprego.  

 Así mesmo, ambas institucións están a impulsar o Plan de dinamización da lingua galega no tecido económico, no que se recollen unha serie de medidas encamiñadas a conseguir a dinamización plena do idioma galego, estendendo o seu uso ao ámbito económico nas relacións laborais, comerciais e empresariais co fin de incrementar produtos e servizos en galego en todos os eidos sociais e económicos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario