"DEUS NO
CAPITALISMO", EXPOSICIÓN DE JUAN GONZÁLEZ IGLESIAS, NA DELEGACIÓN DA XUNTA DE GALICIA
EN MADRID, NO MES DE MAIO
O artista, de ascendencia
galega, presenta unha obra que rompe, de forma radical, cos estritos conceptos
da arte convencional
O artista, Juan González Iglesias, diante dunha das súas sus obras
Infogauda / Madrid
“Deus no capitalismo”, é o título da
exposición de pintura que poderá verse durante o mes de maio na Delegación da
Xunta en Madrid/Casa de Galicia, do artista de ascendencia galega Juan González
Iglesias cuxa obra rompe, de forma radical, cos estritos conceptos da arte
convencional e adéntrase en terreos que van máis aló da plástica.
No acto de inauguración
participaron o coordinador de Actividades da Casa, Ramón Jiménez Pérez, -quen o
fixo en nome do delegado da Xunta en Madrid, José Ramón Ónega López-; o
historiador e comisario de exposicións, Ricardo Hernández Ortega; e o propio
autor, Juan González Iglesias.
Jiménez destacou nas súas
palabras que, tal e como o catalogo recolle, González Iglesias estudou
Administración de Empresas e empezou a súa carreira artística como creativo
publicitario pero “tras un poderoso espertar espiritual, dedicouse á arte por
completo”. En concreto, creou os cadros que forman parte desta exposición, e
“nos que pretendeu expresar -e eu creo que con éxito- a visión que lle
obsesionaba desde pequeno, é dicir a manifestación de Deus dentro do
capitalismo moderno, pois para él Deus maniféstase tanto na Coca-Cola como nas
patacas Matutano”. Para Jiménez, “creo
que acerta o noso artista convidado cando di isto, e trasládanos o seu
pensamento de que Deus aproveita calquera circunstancia para aparecérsenos, e
nisto coincide coa gran mística Santa Teresa de Ávila, que dicía -como é ben
sabido- que Deus estaba tamén entre os
pucheiros”. Subliñou tamén que ademais de apelidarse Iglesias, “a algo tan importante
para a actividade artística como é a firma, el engadiu o sinal da cruz, e no
seu currículo conta cun curso de Milagres”. As obras realizadas en gran parte
con rotulador, “a min lémbranme aos
grafitis e ao cómics, e, poñéndome máis
pomposo, ás inscricións de misteriosas civilizacións antigas”, dixo.
Para Ricardo Hernández
Ortega, esta exposición bríndanos a oportunidade de descubrir a un autor
“sorprendente na súa ousadía, diferente en canto a técnica, abafador na aparente inconexión dos seus trazos, asombroso no que
respecta a contidos, inquietante no que a visión dos seus cadros esperta no
espectador”. Hernández sinala que se trata dun
conxunto de “delirantes obras,
hipnóticas” e que “no seu mesmo desenvolvemento, adivíñase unha
creatividade que emana do interior dunha mente inquieta, preocupada por tentar dar saída a sensacións,
sentimentos e ideas que resulta difícil poder definir con palabras; conceptos
que o artista necesita limitar, baixo o risco de caer presa dun estado de
constante reflexión. Unha obra pictórica inquietante e densa, dominada por un
impulso que non fai concesión algunha ao posible brote dun horror vacui
imposible”. Ademais, que “resulta complexo tentar meterse na mente dun artista,
e iso é precisamente o que o autor convida a descubrir coa súa obra, un
fío-guía que nos conduce cara ao interior da súa mente, cara ás súas
sensacións, os seus pensamentos, as súas inquietudes. O bo, e á vez complicado
de Juan Iglesias, é que as súas obras están repletas de fíos dos que tirar, de
carreiros que percorrer, en busca dunha, tal vez incognoscible, razón detrás de
cada trazo. Contemplar as súas obras é iniciar unha viaxe errática cara á súa
máis recóndita expresividade, un periplo para o cal moi posiblemente non exista
un destino final”.
No acto de inauguración, de esquerda a dereita, Ricardo Hernández Ortega, Ramón Jiménez e o artista Juan González Iglesias
Preto de medio centenar de persoas achegáronse á Casa de Galicia á exposición de Juan González Iglesias
Pola súa banda, para Juan
González Iglesias, “o obxectivo da obra é sinalar os sitios, a música, a cor, o
ton no que pode acharse Deus na sociedade actual, que todos sabemos que se vive
dunha maneira un pouco errática”. Segundo o artista, “contrariamente ás formas
nas que se representa Deus habitualmente, hoxe probablemente se manifeste en
lugares máis people friendly, en vez de en imaxes clásicas”. Así que
para el, “a idea é representar un pouco ese universo no que probablemente vive
Deus na nosa sociedade”.
Explicou que normalmente usa
rotulador sobre lenzo (os marca Posca),
aínda que ao principio usaba todos os materiais que tiña a man: óleo, acrílico,
pastel, Tipp-Ex, Eddings, Carioca, cola de pegar, pintura de
parede… Tamén “duchaba” os cadros con auga a presión para quitar capas débiles
de pintura e logo volvía pintar encima. “Todo foi confluíndo cara aos
rotuladores Posca e agora mesmo é o único que uso”, aclarou, e tamén que ao
primeiro os cadros eran de cores vivas pero logo acabábaos ensombrecendo.
Mentres que agora deixa a cor viva e adórnaa “con símbolos que teñan certo
interese para que sexa menos aburrido”.
A súa inspiración principal
atópaa en Deus, Cristo, a relixión, os santos, a Virxe… Daquela todo iso recúbreo
pola “inspiración pop contemporánea, Internet,
videoxogos, tecnoloxía retro, consolas, cintas VHS,
Laser Disc, formatos de vídeo
fracasados, Youtube, Cash
Converters… Esas poderiamos dicir que son as miñas influencias”.
Para o artista, o seu proceso creativo teno integrado na súa vida:
“cando me angustio un pouco é cando me apetece traballar. Vomito todo o que teña que vomitar da maneira máis fermosa que se me
ocorra e seguimos andando”.
En relación á Galicia da súa
nai, filla de garda civil, a súa infancia está moi marcada polos diferentes
destinos do seu pai. Naceu en Ribadavia en pleno barrio xudeu, viviu en Allariz
do que aínda hoxe di lembrar o aroma da fábrica de chocolate e os amendoados, e
o seu primeiro colexio de párvulos. A
súa infancia e mocidade entre Moaña, Vilagarcía e Sanxenxo, os seus estudos
nas Calasancias en Pontevedra e logo xa a
carreira de Dereito en Santiago de Compostela.
A mostra
“Deus no capitalismo” de Juan González Iglesias poderá visitarse nas Salas A
e B da Casa de Galicia ata o 31 de maio, en horario, de 10 a 14 e de
16 a 20 horas os laborables. Domingos e festivos: de 10 a 14 horas.



Ningún comentario:
Publicar un comentario