16 de abr. de 2019

SALCEDA DE CASELAS

PRETO 500 PERSOAS ARROUPAN O CANDIDATO RODRÍGUEZ DAVILA NA IV ROMARÍA DOS POPULARES DE SALCEDA 

Santiago Rodríguez Davila estivo acompañado polas candidatas da provincia o Congreso, Ana Pastor e Ana Cristina Pérez, polo presidente provincial Alfonso Rueda e polos concelleiros populares actuais 

Para o candidato popular, esta romaría significou “unha nova inxección de enerxía e ilusión” para continuar traballando por Salceda 


Santiago Rodríguez Davila - a esq. - con Ana Pastor e Alfonso Rueda

Infogauda / Salceda de Caselas

 O PP de Salceda de Caselas quere agradecer a gran acollida recibida polos seus veciños na IV Romaría dos populares celebrada o pasado domingo na área recreativa de O Borralliño, á que asistiron preto de 500 persoas superando todas as previsións. Para o candidato á alcaldía de Salceda, Santiago Rodríguez Davila, foi unha romaría “moi emocionante” que mostra “o arroupado que sinto” por todos os veciños. 

 Segundo Rodríguez Davila, a romaría significou “unha nova inxección de enerxía e de ilusión” para seguir traballando en propostas que melloren a calidade de vida dos salcedenses ata conseguir esa “Salceda con futuro” pola que loitan os populares. Ademais, afirma, é a demostración de que os veciños “queren un cambio” e apoian o traballo que desde o PP está a facerse para “acabar con 12 anos de inacción”

 Precisamente, durante a súa intervención ante as preto de cinco centenares de persoas, o candidato á Alcaldía de Salceda fixo alusión ás iniciativas coas que pretende “dinamizar” o municipio. Trátase da creación dunha gardería “Galiña Azul” en Parderrubias con 80 prazas, a conversión da escola de Vendanova nun Centro de Formación Educativa, Persoal e Multidisciplinar”, tamén a transformación de O Borralliño nun complexo lúdico-deportivo, a redistribución viaria da contorna da Devesa coa compra da parcela do actual aparcadoiro o a creación de medidas que axuden á conciliación familiar como a cofinanciación de campamentos durante os períodos non escolares. 

Salceda, no mapa político 

 Ao acto asistiron tamén as candidatas ao Congreso pola provincia de Pontevedra, a salcedense Ana Cristina Pérez e Ana Pastor, quen se comprometeu a traballar por visibilizar os problemas dos salcedenses e de todos os cidadáns da provincia. Neste sentido, tamén encomiou o compromiso de Rodríguez Davila con Salceda e animou a todos os veciños a apoiarlle nas urnas o próximo 26 de maio para acabar coa parálise que sofre o pobo. 

 Pola súa banda, Alfonso Rueda, presidente provincial tampouco deixou pasar esta oportunidade de dirixirse a todos os veciños de Salceda. Nunha breve pero directa intervención, o dirixente provincial alentou a todos os asistentes a votar pola estabilidade e a seriedade fronte a quen fomenta o separatismo e ameazan a democracia de España.

Ningún comentario:

Publicar un comentario