17 de abr. de 2019

OIA

Semana Santa de cultura e lecer en Oia   

Visitas guiadas e actuacións musicais conforman a oferta de actividades gratuítas para os próximos días festivos   



 Infogauda / Oia

 A Semana Santa chega este ano a Oia con variadas propostas culturais e de lecer para todos os públicos. Entre elas destacan as visitas guiadas e varias actuacións musicais de diferentes estilos das que poderá gozar tanto a veciñanza como as persoas que pasan estes días facendo turismo pola zona.  

 A programación abrirase o xoves 18 de abril coa visita guiada “Solpor na Pedreira”. Durante o percorrido daranse a coñecer os principais fitos da paisaxe así como as estacións de gravados rupestres da Pedreira.  

 As persoas interesadas en asistir a esta actividade deberán estar ás 19.30 horas diante da Oficina de Turismo. De alí sairase en coches particulares ata os petróglifos da Pedreira, situados no inicio da Ruta Máxica en Santa María de Oia. Recoméndase levar calzado deportivo.  

 O venres 19 pola tarde desenvolverase a actividade “Arrabal con outra ollada”. Trátase dunha visita guiada deseñada a partir do libro “Con otra mirada. Horror de la guerra civil española en el Monasterio de Oia 1936-1939”, obra editada polo Concello de Oia onde se recollen os resultados dunha investigación sobre a época na que o cenobio cisterciense funcionou como campo de concentración.   

 A visita guiada ao Arrabal comezará ás 18.00 horas e o punto de encontro será a Oficina de Turismo. Desde aí, farase o percorrido a pé polo barrio histórico.  

 Tanto a visita á Pedreira como a do Arrabal serán desenvolvidas pola Asociación Costa dos Castros de xeito gratuíto e non requiren inscrición. Será suficiente con estar á hora indicada na Oficina de Turismo, que é o punto de encontro para ambos percorridos.  

 Por outra banda, con motivo da Semana Santa a igrexa parroquial de Santa María de Oia ampliará o seu horario de apertura ao público.  

Música na rúa e cantos de taberna  

 Durante a fin de semana a música será a protagonista na programación e nas rúas do Arrabal. Tanto o sábado 20 como o domingo 21 de abril haberá propostas musicais de distintos estilos e que se desenvolverán de xeito gratuíto.  

 O sábado ás 17.30 horas a Praza Centinela acollerá o espectáculo infantil de Pakolas. A última hora do día (a partir das 21.00 h.) haberá cantos de taberna nos locais da contorna.  

 Finalmente, o domingo celebraranse as actuacións dos grupos locais Tra-lo Mosteiro e As Caramuxas. A cita será na Praza da Centinela a partir das 18.00 horas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario