A Xunta de Galicia activa o Plan Moves con máis de 2,6M€ para impulsar a compra de 500 vehículos eléctricos ou alternativos
O director xeral de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces, sinala que a iniciativa mobilizará 11 millóns de euros e evitará a emisión á atmosfera de máis de 1.100 toneladas de CO2 ao ano, o equivalente á acción de 58.200 árbores
Contémplanse axudas para a compra de turismos, furgóns, camións e autobuses e para a posta en marcha de infraestruturas de recarga, sistemas de préstamo de bicicletas eléctricas e plans de transporte aos centros de traballo
O prazo de presentación de solicitudes comezará o vindeiro 17 de xuño e no caso da adquisición de vehículos e das infraestruturas de recarga xestionarase a través de entidades colaboradoras
O director xeral de Enerxía e Minas,
Ángel Bernardo Tahoces, presentou hoxe o Programa Moves Galicia
Foto: X.G.
Infogauda / Santiago de Compostela
O director xeral de Enerxía e Minas,
Ángel Bernardo Tahoces, presentou hoxe o Programa Moves Galicia de
incentivos á mobilidade eficiente e sostible, que conta cun orzamento de
máis de 2,6 millóns de euros cos que se prevé impulsar a compra de 500
vehículos eléctricos ou alternativos (gas natural ou gas licuado de
petróleo). Mobilizaranse así 11 millóns de euros na Comunidade,
contribuíndo á creación ou mantemento de arredor de 90 empregos e
evitando a emisión á atmosfera máis de 1.100 toneladas de CO2 ao ano, o
equivalente á acción de 58.200 árbores.
Segundo explicou Ángel Bernardo Tahoces, do programa que hoxe se publica no Diario Oficial de Galicia,
poden beneficiarse persoas físicas, autónomos, comunidades de
propietarios, persoas xurídicas e o sector público, dependendo do tipo
de axuda. O prazo de presentación de solicitudes, en concorrencia non
competitiva, comezará o día 17 de xuño.
As axudas para a
adquisición de turismos e furgonetas poden chegar a 6.000 euros, que se
incrementan en 750 euros no caso de persoas con mobilidade reducida e en
500 no caso de familias numerosas con vehículos de máis de 5 prazas.
Ademais, os fabricantes achegan 1.000 euros. No caso de motos
eléctricas, o importe do apoio é de 750 euros, e no que respecta a
camións e autobuses con propulsión alternativa chega a 15.000 euros.
Tal
e como indicou o director xeral de Enerxía e Minas, as axudas para a
instalación de infraestruturas de recarga de vehículos eléctricos e para
a implantación de sistemas de préstamos de bicicletas eléctricas poden
chegar aos 100.000 euros, mentres que para a implantación de plans de
transporte aos centros de traballo o límite máximo das axudas é de
200.000 euros.
A tramitación desta iniciativa, enmarcada no
Programa estatal de incentivos á mobilidade eficiente e sustentable e
xestionada pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través
do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), realizarase de xeito
telemático.
Para a compra de vehículos alternativos e a
instalación de infraestruturas de recarga, a xestión das axudas levarase
a efecto a través de entidades colaboradoras (concesionarios de
vehículos e empresas instaladoras de baixa tensión), que deberán
solicitar a súa acreditación desde o 20 de maio. Os apoios resolveranse
por orde de solicitude.
Ningún comentario:
Publicar un comentario