15 de abr. de 2019

CULTURA

CASTELAR PIEDRA PÉREZ, MÚSICO ROSALEIRO,  FALECEU EN VALLADOLID


Castelar Piedra Pérez coa súa dona Mercedes Ferreira Blanco, na súa vivenda do Rosal, o día 20 de setembro de 1991
Fotos: Infogauda


Ricardo Rodríguez Vicente / A Guarda 

 Vimos de ter coñecemento da triste nova do pasamento en Valladolid, de Castelar Piedra Pérez, unha persoa que apreciábamos, o igoal que a súa dona Mercedes Ferreira Blanco, porque ademais de formaren un matrimonio que se facía querer, eran xente de ben.  

 Tivemos oportunidade de estar con eles, en máis dunha ocasión, na súa vivenda do Rosal, onde conversamos de varios temas, máis sobor de todo, da paixón de Castelar: a Música. 

 Castelar era unha persoa agradecida. Pudemos constatalo persoalmente en distintos intres. Un deles tivo lugar o día 6 de decembro de 2008 con motivo da homenaxe que lle tributou á Agrupación Musical de A Guarda, e do cal deixamos constancia dese evento en FARO DE VIGO, do seguinte xeito:

A AGRUPACIÓN MUSICAL DE A GUARDA HOMENAXEOU A CASTELAR PIEDRA PÉREZ  

•    O acto coincidiu co concerto de Santa Icía no que tamén participou o Grupo Marino 

 A falla de un Auditorio Municipal con aforo suficente, a Igrexa Parroquial de Santa María da Asunción de A Guarda, acolleu na desapacible noitiña do pasado día 6 de decembro, un concerto musical orgaizado pola Agrupación Musical de A Guarda, que co gallo da festividade de Santa Icía, Padroeira dos Músicos, serviu de xeito especial, como homenaxe a Castelar Piedra Pérez. 

 Presentado polo párroco Jesús García Villadóniga, o concerto contou coas actuacións do Grupo Marino e da Banda de Música da Agrupación Musical de A Guarda. 


Florindo Lomba, impóndolle a Castelar a primeira Insignia de Ouro da Agrupación Musical de A Guarda

 Ademáis dos respectivos programas musicais, no que foron interpretadas obras de Mario Mascarenhas, Reveriano Soutullo e Juan Vert, Ludwins Minkus, J. Castro Chané, Mª José de Ceratto, Johannes Brahms, J. E. Canet Todoll, Xoan Montes, Jacob de Haan, Irving Berlin, Joel Beal Sjim Boothe,...; o ecuador do concerto foi o intre escollido para tributar unha merecida homenaxe ao entrañable músico Castelar Piedra Pérez. Contendo a emoción, Castelar recibiu os aplausos de tódolos asistentes, e de xeito especial dos xóvenes músicos e dos directivos da Agrupación Musical de A Guarda, cuxo presidente, Florindo Lomba, fíxolle entrega a Castelar Piedra Pérez, da Insignia de Ouro da Banda de Música de A Guarda. E como a carón de un bó home, sempre hai unha grande muller, Mercedes Ferreira Blanco, esposa de Castelar, recibiu un fermoso ramo de frores. Porque en honor a verdade, de pouco serviria a vocación musical de Castelar Piedra se non contase co decidido apoio de súa dona. Mercedes – como Castelar – posúe unhas ademirables cualidades humanas e iso nótase no garimoso carácter deste matrimonio tan apreciado. 

 A grandeza de Castelar Piedra Pérez vai parella coa súa ademirable modestia. “Eu no merezo tanto. Eu non fixen nada para merecer esto”, dixo Castelar agradecido e emocionado, que tamén recibiría unha praca conmemorativa. Asemade, o Grupo Marino, a traverso de José Luis González Melón, tamén lle fixo entrega de un agasallo. 


Castelar Piedra Pérez recibindo a homenaxe dos compoñentes da Agrupación Musical de A Guarda

 Deseguido, antes de continuar co programa do concerto, Víctor Luis Alonso Treinta, director da Agrupación Musical de A Guarda, pronunciou unhas verbas dirixidas de xeito especial a Castelar Piedra, compoñente da banda de música de A Guarda, salientando o agarimo que todos lle amosan. O concerto de Santa Icía e de homenaxe a Castelar Piedra Pérez, remataría coa interpretación do Himno Galego, cuios acordes foron seguidos polo respectable público posto en pé.

SEMBRANZA BIOGRÁFICA DE CASTELAR PIEDRA 


Castelar Piedra Pérez co seu saxo barítono, logo de interpretar "Para Vigo me voy"

 Era fillo de Benedicta Pérez Rodríguez e de Pablo Piedra González. Nacera na Rúa de Abaixo, parroquia de San Xoán de Tabagón (O Rosal), o 23 de agosto de 1930. Seu pai, Pablo Piedra González (Tabagón, 1898), foi director – desde 1925 - da Banda de Música de Tabagón, sucedendo a seu tío Manuel González Groba, director e fundador da banda. Pablo Piedra estivo a fronte desa relembrada banda de música até mediados da década dos 60. Anteriormente, debido a súa estadía en Valladolid – onde traballaba de mestre canteiro -, e cando a guerra civil, houbo un lapso de uns anos – desde o ano 1937 até 1939 - en que a banda disolveuse, reaparecendo despois, a traverso de D. Waldo (mestre destiñado en Tabagón), cos mesmos compoñentes de antes. Cando Pablo Piedra voltou en 1940, fíxose cárrego novamente da dirección da banda, e D. Waldo, pasou a toca-lo saxo. Dese xeito, a banda continuou súa andaina até os anos 1963-64, en que asumiu a dirección José Marino González de la Concepción (Pepe Santeiro), deixando Pablo Piedra definitivamente, a banda de música de Tabagón, disolvéndose ésta en 1965. 

 Castelar Piedra foi membro da Banda de Música do Rexemento de Infantería Mérida 44, de O Ferrol. A pesares de haber indicado como profesión picapedreiro, un primo de seu pai, fillo de Manuel Groba, que traballaba de director dunha entidade bancaria, na cidade departamental, informou que Castelar era músico. 

 Antes de virse a residir para Galicia, nos derradeiros anos da súa estadía en Valladolid – onde residen seus fillos e netos, e conserva numerosos amigos -, Castelar Piedra formou parte de varios grupos instrumentais – cuartetos e quintetos - no seo da Escuela Municipal de Música, así como de grupos folclóricos tradicionais, e das Bandas de Música de Laguna de Duero e da Banda de Música de La Flecha, preto da capital pucelana. No ano 2003, Castelar Piedra Pérez e súa dona Mercedes Ferreira Blanco – pais de Beatriz, Pablo e Conchi -, retornan a Galicia, fixando súa residencia na Guarda e posteriormente no Rosal. Desde entón, Castelar Piedra - que viu nacer a Agrupación Musical de A Guarda -, formou parte da súa banda de música, e despois - convidado por José Vicente Simeó Máñez -, tamén da Agrupación Musical do Rosal, sendo moi apreciado e respectado, en ambalasdúas bandas, onde agarimosamente lle chamaban “O avó”.

 Tódolos que facemos este xornal dixital unímonos as múltiples condoenzas que con certeza vai recibir á familia de Castelar.

Ningún comentario:

Publicar un comentario